Unha marea de refráns

Paco Rivas HIC ET NUNC

A MARIÑA

21 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aobservación dos peixes, dos golfiños e das gaivotas permite adiviñar o estado do mar, o que deu orixe a diversas expresións e, sobre todo, a unha marea de refráns. A expresión fraseolóxica dar o mal tempo (o peixe) indica que vén mal tempo cando se observa que os peixes se moven moito e nadan sen parar dun lado para o outro, mentres que o refrán delfín que moito salta, vento espera, que non espanta se usa para expresar que vai vir vento cando os mariñeiros observan que os golfiños saltan na auga. O refrán gaivotas en terra, mariñeiros á merda indica mal tempo, mentres que o refrán gaivotas no mar, mariñeiros a pescar é mostra do contrario, como o é a expresión ver un roda, pois segundo o saber tradicional mariñeiro a visión dun peixe lúa (roda) saltando é sinal de bo tempo.

Tamén se pode adiviñar o estado do mar coa observación das nubes á alba, a primeira luz do día. A aparición entre o mar e o sol dun neboeiro (alba alta) aconsella arriar as velas, navegar coas velas baixas, e se a embarcación non é a vela, cómpre navegar con precaución porque os ventos van ser fortes dabondo, o que se expresa co refrán alba alta, vela baixa. Cando aparece unha raia máis clara ó longo do horizonte, situada sobre o mar entre dúas pequenas “paredes” neboentas (alba baixa), é sinal de ventos frouxos ou brisas suaves, polo que se pode navegar coas velas izadas; e de non ser a vela, a embarcación pode seguir navegando ou pescando sen problema, o que se expresa co refrán alba baixa, vela alta. E se polo leste as nubes teñen cor vermella, é sinal de que vai vir mal tempo, e de aí o refrán alba ruba ou vento ou chuvia (e a variante rubién/roibén de alba, mal tempo agarda).

Hai outros refráns, algúns ben coñecidos, como por San Xoán, a sardiña xa unta o pan para indicar que no mes de xuño este peixe está mellor para comer, porque solta a graxa que lle dá un bo sabor; ou en martes non te cases nin te embarques para se referir a ese día da semana que trae mala sorte para empezar algo, polo que non se debe estrear ningún aparello ou arte o martes e debe evitarse sempre saír de marea ou de costeira. O refrán as troitas non se collen a bragas enxoitas, co que se indica que para conseguir algo cómpre esforzarse, é máis coñecido posiblemente na Galicia interior ca na litoral.

Outros refráns deben ser propios da Mariña, como a quen tarde embarca, nunca un remo torto lle falta, que se refire ás persoas preguiceiras, pouco puntuais sobre todo no traballo, que ó chegaren tarde para embarcar teñen como recompensa o peor dos traballos, o remo torto, o que xa deixaron os outros mariñeiros do barco; e por extensión aplícase a calquera actividade para indicar

que a persoa que chega derradeira colle o peor traballo ou ten moitas posibilidades de que así sexa.

Hai refráns en que se reflicte o desprezo que antano se manifestaba por algúns peixes, como non comas raia por ben que che vaia, aínda que hoxe na Mariña e noutras zonas do litoral galego é un peixe ben valorado, do que é proba que en Portonovo (ría de Pontevedra) leven moitos anos celebrando a festa gastronómica da raia. No refrán a boga en xaneiro sabe como carneiro alúdese á escaseza de peixe no inverno, en que pouco se pode ir ao mar ?e menos en tempos pasados?, razón pola que o peixe ao que se lle dá pouco aprecio, como é o caso da boga, sexa valorado nesta época: cando hai falta de algo, incluso aquilo que non é bo vale.

No refrán o pulpo en xaneiro sabe coma carneiro faise referencia a que no inverno é cando mellor sabe este cefalópodo, crenza que se debe, segundo algúns mariñeiros, a que neste mes non se pode pescar debido ao mal tempo e, como todo, canto máis escasea, máis presta. Tamén teño rexistrado que en xaneiro, ou no inverno en xeral, o polbo é máis consistente, non ten polo medio dos raxos esas faixas anchas que os recobren, polo que estes teñen máis carne e tamén menos pel.