O Camiño Norte comeza a ser un filón para o turismo

s. c. MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Esta ruta conta con 132 establecementos xa e máis de 5.000 prazas para peregrinos, o dobre que no 2009

28 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta salientaba onte a puxanza do fenómeno xacobeo na provincia; concretamente nos Camiños que atravesan esta provincia; o Francés, o Camiño Norte e o Primitivo.

Duplicouse desde o 2009 o número de aloxamentos e de prazas para peregrinos. «Hai rexistrados 445 establecementos que suman 14.877 prazas nos 24 municipios lucenses atravesados polos Camiños. No ano 2009, a oferta limitábase a 292 establecementos e 7.357 prazas», explicaba J. M. Balseiro, delegado da Xunta.

«A declaración dos Camiños Norte e Primitivo como Patrimonio de Interés Mundial no verán do ano 2015 resultou fundamental no crecemento destas rutas, e fíxose sentir especialmente no Camiño Norte», destacou.

O Camiño Norte atravesa os concellos de Trabada, Abadín, Barreiros, Begonte, Friol, Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo e Vilalba, e conta con 132 establecementos e máis de 5.000 prazas (un 40% máis que no 2009).

No que vai deste ano -inverno e primavera- o Centro de Interpretación do Camiño Norte, no concello de Mondoñedo, contabilizou 1.557 visitas.

Engadir tamén que nestes 5 meses longos transcurridos do ano chegaron a Compostela máis de 106.000 peregrinos, o que supón máis dun 10% máis que no mesmo período do ano pasado, co que se mantén a tendencia á alza dos últimos tempos a piques de rematar o primeiro semestre do ano. Cabe subliñar que máis dun 65% dos peregrinos recibidos ata o momento foron estranxeiros. Deles, máis de 5.000 elixiron o Camiño Norte.