Tipos de vento na nosa fala mariñeira

Paco Rivas HIC ET NUNC

A MARIÑA

Opinión

12 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se algo ten que ter en conta o mariñeiro para levar a cabo os seus traballos para navegar, para largar as artes e outros mesteres o vento é un dos factores máis importantes. En función do vento pódese ou non saír navegar, pódense ou non largar as artes por terra, por terriña ou por entre os coios… É por iso que ten moitas e moi variadas formas de dirixirse a este fenómeno atmosférico en función da intensidade, da orixe ou da dirección.

Hoxe, seguindo coa nosa singradura a través da fala mariñeira, imos cun bo quiñón delas referidas a este movemento do aire que tanto condiciona a vida no mar dos nosos mariñeiros.

Vento s. m. Movemento horizontal do aire provocado polas diferencias térmicas que se dan na atmósfera. | Vento ó largo.-

Vento paralelo á liña da costa. | Vento cabrón.-Vento moi forte. Vento duro. | Vento caimán.-Vento do nordés. var. Vento queimán. | Vento corrido.-Vento continuo. | Vento de baixo.-Vento do sur. | Vento de popa.-Vento a favor. fig. Ir todo ben. | Vento de proa.-Vento en contra. fig. Ir todo mal.| Vento de riba.-Vento do norte. | Vento

declarado.-Vento do leste ou nordeste; vento seguro porque sábese que non cambia. | Vento do mar.-Vento do norte. Vento de riba. | Vento duro.-Vento moi forte.

Dos peores

Vento escamón.-Vento do nordés; vento dos peores na Mariña; é un vento que trae moito frío e que queima todo o que atopa por diante. Con ese vento péscase pouco e mal. | Vento frescachón.-Vento moi forte. Vento duro. Vento fresco. | Vento mareiro.-Vento frouxo que vén do mar. | Vento pampero.-Temporal; vento que vén do sur, ás veces acompañado de chuvia. | Vento queimán.- Vento do nordés. Vento caimán. | Vento reconocido.-Vento que polo lugar de onde vén e polo momento en que se dá, sábese que nunca trae perigo. | Vento regañón.-Vento frío e seco que corta a pel da faciana.

Rinchante e roxo

Vento rinchante.-Vento que bufa moito; vento con moita forza. | Vento roxo.-Vento quente que vén de terra e que anuncia unha surada, ventos fortes do sur. | Vento terral.-Vento de terra; vento do sur. | Vento tolo.-Ventoeira; bafarada de vento. | Golpe de vento.- Impacto forte que produce o vento cando da cheo contra unha embarcación.