Mirando ao outro lado do charco

Fran Bouso O OUTEIRO DE MONDOFORTE

A MARIÑA

CAXOTO

Opinión

18 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mondoñedo aportou gran talento á cinematografía e ao audiovisual do “Novo continente”. Sen ir máis lonxe, unha das máis afamadas actrices sudamericanas de todos os tempos era filla dunha emigrante nacida no Monfadal, un barrio da Parroquia mindoniense do Carme situado na ladeira do monte Padornelo que mira á vila. Trátase de Zully Moreno, a Rita Hayworth arxentina, descendente da familia dos Ferreales. Zulema Esther González Borbón naceu en Villa Ballester, provincia de Bos Aires o 17 de outubro de 1920. Ao cumprir dez anos, morreu o seu pai, situación que a obrigou a buscar traballo para axudar á economía familiar. Sendo unha pícara, comezou a traballar de costureira e ao chegar aos 18 anos presentouse a un casting mediante o cal accedeu a un papel secundario no filme “Cándida”, de Luis Bayón Herrera. Ese sería o inicio dunha gloriosa carreira profesional que a levaría a rodar arredor de corenta películas e participar como actriz en varias obras de teatro. O seu primeiro papel protagonista chegoulle con “Stella” (1943).

Aos 27 anos, casou co director de cine Luis César Amadori e tiveron un fillo, Luis Amadori. Consagrouse protagonizando títulos como “Dios se lo pague” ou Nacha Regules, de Arturo de Córdova e tamén traballou baixo as ordes de Mario Soffici en “La Gata”. En México filmou tres películas e en España participou na rodaxe de “Madrugada”, “Una Gran señora” e “Un trono para Cristi”. Morreu aos 79 anos, o 25 de decembro de 1999 en Bos Aires logo de padecer Alzhéimer nos últimos anos da súa vida. O seu irmán, Alberto foi un empresario de éxito e o creador de “Canal Satelital” a primeira plataforma de televisión que emitiu vía satélite no cono sur americano. Outro galego con éxito en América é Pío Núñez. Naceu en Castro de Rei no ano 1940 e viviu en Bretoña onde o seu pai era mestre de escola. Estudou no Seminario Santa Catarina de Mondoñedo entre o ano 1949 e o 1954 . En 2008 converteuse no primeiro produtor galego dunha película norteamericana co filme “In the Shadow of Wings”. En 1999 exerceu de produtor e guionista da primeira mini-serie de ficción para Antena 3 con “Camino de Santiago” que conta cun reparto de luxo con Anthony Quinn e Charlton Heston. Nos 90 fundou en Madrid os estudos cinematográficos “El Álamo”, onde se rodaron películas como “Los otros” (2001), “Mar adentro” (2004), “Alatriste” (2006) e “Volver” (2006).

Antonio Reigosa apúntanos a posibilidade de que un pintor nacido en Mondoñedo o 7 de decembro de 1895, José María Rodríguez González, traballara en Hollywood facendo decorados para películas.

Mondoñedo este verán está «de cine», gocémolo.