«A soidade foi aliada e inimiga»

SARA GIL / i. d. FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Trece meses de viaxe enriba da súa bicicleta Quiscolina, como el a bautizou

23 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

David Val sintetiza estes trece meses en catro palabras: o camiño dunha vida. Comezouno un 23 de xuño de 2016, e rematouno un ano e un mes despois, na súa vila natal, Foz.

Polo camiño, deixou 7 quilos e gañou seguridade. Tivo que lidiar co medo a durmir fóra, co medo á barreira do idioma, co medo ás xentes tan dispares... Pero todo fixo que seguira adiante. «O medo vai converténdote en forte», sentencia.

Quiscolina, a súa bicicleta, acompañouno sendo ferramenta, transporte e incluso amiga: «Compreina para a viaxe. Non tiven ningún problema con ela. O peor foi atopar unha boa pata de cabra. Todas rompían polo peso da carga». Pregúntome cal será a razón do nome, ao que responde cunha simple explicación: «Quiscol significa caracol, como son eu, coa casa a costas. Só o transformei ao feminino».

«Non necesito hoteis. Coa bici e a tenda de campaña podo moverme a onde sexa. Iso para min é liberdade». Aínda así, non lle faltaron casas onde pasar a noite. Sorprendeuse con tanta amabilidade. «Ao primeiro semella que teñen medo, mais logo se transforma en cariño», di David. «Non só che dan casa, tamén comida e ducha. É incríble».

O vento foi o principal inimigo, por riba dos perigos que puidera ter que sobrelevar: «Sempre vai en contra, e iso é un impedimento enorme». Non destaca ningunha experiencia grave, excepto o seu encontro máis cercano cunha serpe. Vinte segundos dun cara a cara coa natureza máis salvaxe, que el mesmo define como terribles.

A clave desta valoración positiva é ir sempre cun sorriso por diante. «Sonrisa en la cara y corazón abierto», narra no seu blog. Tenta sempre desprender boa enerxía, polo que os recibimentos foron amables nos vinte países que percorreu. Resúltalle difícil, de feito, escoller o máis acolledor. Irán artillouse como unha das máis grandes sorpresas. «Esperaba menos do que me deron. Norteamérica tamén foi incríble», afirma.

«Dáste conta de que coñecendo aos demais, coñéceste máis a ti. Todos somos como espellos e todos somos máis iguais do que cremos». Con ese sentimento chegou a dar unha conferencia nun colexio da India, no que o lema era ter éxito. «Eu engadín que o primeiro era ter éxito ante un mesmo. Buscar o teu talento e autorrealizarte», explica Val.

Acomodarse na zona de confort non vai con el. Asume que facer a viaxe só non foi fácil, e recomenda pensalo dúas veces a quen estea planeando unha vivencia similar. «Sénteste lonxe. Moitas veces buscas con esperanza ler as mensaxes dos teus seres queridos», apunta David.

Resume todo no silencio e a soidade. Aliados e inimigos. As rodas xa deixaron de xirar, mais agora David Val coñécese máis que nunca. E iso é para sempre.