«Os rivais son os nosos mestres, aquí todos somos unha familia»

A MARIÑA

CEDIDA

O novo campión de España de pulsos admite que ten maniotas «ata nas costelas»

25 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O nobel Club de Lucha de Brazos Ourol, con apenas un ano e medio de vida, deu moito que falar no Nacional desta fin de semana en Reinosa. Sumou catro bronces, tres pratas e un ouro. Ao seu novo campión de España, Iván Rodríguez (Ourol, 1994), «feliz», aínda lle custa crer o conseguido.

-Agardaba este resultado?

-Traballas coa ilusión de conseguilo, pero algo así nunca se espera.

-E iso que perdeu o primeiro pulso...

-Comecei nervioso. Coa esquerda fixeno fatal e coa dereita comecei desmotivado. Gañoume o que despois foi finalista, pero pouco a pouco libereime da presión e conforme fun pasando roldas os ánimos subíronme.

-Como foi o combate final?

-Moi intenso. O meu rival, un asturiano, sabe máis ca min, eu só levo un ano e medio nisto. Pero soubeno contrarrestar, quizais con rapidez e forza.

-Conta a estratexia?

-Moito. Antes de comezar tes que saber por onde atacar. Se dubidas, estás perdido.

-É moi distinta a competición no seu peso, menos de 65?

-Habitualmente adestramos con xente máis pesada, e iso fai que nos busquemos a vida para igualar forzas, aprendemos máis técnicas.

-Tivo que facer dieta?

-Sempre a fago 10 ou 15 días antes de competir. Na miña vida diaria, no traballo, preciso máis peso.

-Cantos pulsos botou?

-Seis coa dereita e seis coa esquerda.

-E canto tardará en recuperar?

-Non o sei, somos principiantes, quizais sete ou dez días. Facemos as cousas a cegas e polo que nos aconsellan os rivais. Os nosos contrincantes sono na mesa, pero neste deporte todos somos unha gran familia.

-Que lle doe?

-Todo. Aínda que os brazos son os que máis carga levan, todo o corpo fai esforzos nestas competicións, tiras con tódolos grupos musculares. Teño machacados os tendóns de tirar por dentro, teño maniotas ata nas costelas, e dalgún torneo volvín con calambres nos xemelgos.