«O problema na Mariña é a falla de personal»

Inmaculada Eiroá González
INMA EIROÁ FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

A policía focense pide que lles faciliten os mesmos medios que teñen outros corpos

26 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Chabely Díaz, nada hai 35 anos en Cordido (Foz) e con case quince anos de servizo na Policía Local de Foz e dous en comisión de servizos na de Pontevedra, ocupa actualmente o cargo de portavoz na Ugpol, a recén creada asociación de policías locais de Galicia.

-Nace nun momento especial...

-Nos últimos anos a Policía Local foi adquirindo moitísimas competencias. Esíxese un nivel formativo elevado; o requisito para entrar na Policía Local é superior ó do resto de corpos policiais. Cada vez nos van metendo máis competencias, cada vez hai máis inquietudes, máis intervencións, solicítanse máis medios... Se se nos esixe o mesmo ou máis ca outras forzas e corpos de seguridade, tamén entendemos que se nos ten que dar o mesmo ou igualar. En base a iso empezamos coas solicitudes de chalecos, solicitude de armas longas, a raíz dos atentados, e tamén participar activamente nas comisións de coordinación da Xunta.

-¿Sabe cantos asociados son agora mesmo?

-Sobre 180.

-¿Teñen tamén na Mariña?

-Penso que practicamente temos en toda A Mariña. Burela ten representación e tamén Ribadeo, Viveiro, Foz...

-¿Como ve a situación da Policía Local na comarca?

-Aquí hai bastante falta de medios. Cada corpo de Policía Local é diferente; aínda que levamos o mesmo uniforme e estamos regulados pola mesma lei, cada corpo é independente, depende da entidade local. Uns están mellor e outros peor. Si que se nota falta de medios en relación a etilómetros, drogotex... O que solicitamos tamén é que nos sitios onde haxa revólveres se substitúan por pistolas. É o que di o decreto que nos regula. Cada un ten que levar arma co seu cargador, a parte de que os revólveres son un perigo. Nun enfrontamento armado xa non é só a precisión; alguén cun revólver pode facer seis disparos, e se acabou. Os que levamos pistola temos trinta, ou 34 disparos, depende da pistola (...) É o mínimo, non só para cumprir a lexislación, senón para non poñer en perigo a ninguén. Non podes reaccionar coa mesma eficiencia cun revólver que cunha pistola, e menos cando o ataque se produce cunha arma letal. Co revólver estás limitado.

-¿Queda aínda xente con revólver?

-Non moitos, pero aínda queda. Por iso que se trata de que todos teñamos os mesmos medios, as mesmas dotacións e reivindicar o tema da seguridade. Somos unha policía que estamos en primeira liña, me refiro á cercanía ó cidadán. Se hai un evento, festas, procesións... estamos sempre no medio dos cidadáns, con competencias en tráfico e en seguridade cidadá. Se nese momento hai unha pelexa, alguén cun coitelo, somos os primeiros que imos reaccionar por proximidade.

-Aquí, na Mariña, hai policías que fan patrullas unipersoais...

-Si. Mandamos un escrito, por protección ós cidadáns e autoprotección, pedindo que non se permitan este tipo de patrullas. A parte de que non se cumpre o ratio. En moitas plantillas non manteñen os efectivos que tiñan .

-¿Cal é o maior problema que teñen na comarca?

-Falta de persoal, sobre todo. A falta de persoal é bastante palpable e xa non en casos extremos. A nós, en Foz, que Fomento nos cedeu o que era a antiga carretera nacional, nun accidente de tráfico necesítanse dúas persoas, unha para regular o tráfico e garantir a seguridade dos intervintes, feridos, implicados e outra para ir tomando datos. Cunha persoa sola estase poñendo en perigo a seguridade vial, a seguridade das propias persoas e a do propio axente.

-¿Hai deterioro de medios ou redución de persoal neste últimos tempos?

-En Foz ata fai uns anos sempre se contou con auxiliar de Policía Local. Agora dende fai anos non se solicita ese persoal auxiliar e non temos unha capacidade de resposta acorde ó número de poboación que hai. Se se producen chamadas por varias incidencias, hai unha patrulla sola e se estamos regulando non podemos ir a ocuparnos delas, sexa un bado, unha pelexa, problemas de convivencia, ou recibir unha denuncia. Estamos asumindo moitísimo traballo dúas e ás veces unha soa persoa. Ás veces por vacacións ou baixas laborais e demais, hai unha persoa soa no pobo. E mantéñense os mesmos efectivos tanto no inverno como no verán, pero o número de poboación aumenta.