«Na provincia de Mondoñedo existían viñedos»

A MARIÑA

CEDIDA

Vinteséis inscritos no curso sobre patrimonio cultural que comeza hoxe na cidade mindoniense organizado pola USC

04 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Gonzalo Francisco Fernández Suárez dirixe, xunto coa profesora Ana Goy Diz, o curso da USC titulado O Futuro do patrimonio cultural: o caso da cidade de Mondoñedo, que comeza hoxe na localidade, con 26 inscritos.

-Un curso sobre Mondoñedo en Mondoñedo.

-O feito de celebrarse en Mondoñedo obedece a un convenio de colaboración que desde o Centro de Estudos de Historia da cidade vimos desenrolando co Concello de Mondoñedo; unha das múltiples cuestións que aparecen nese convenio era celebrar algún seminario, algún foro de debate en Mondoñedo. Logo, o caso de centrarse en Mondoñedo é que Mondoñedo reúne dende o noso punto de vistas as premisas que aparecen contempladas no programa. É unha cidade que ten un importante patrimonio arquitectónico e artístico; o feito de ser unha das antigas provincias do Reino, de ter unha organización que puidemos rastrexar na Idade Media e o feito de ser unha das sedes episcopais galegas. Todo iso fai que reúna un importante patrimonio histórico, artístico e tamén documental, como aparece nun dos bloques do programa do curso.

-Abordan temas variados.

-Sí, sí. O que é o patrimonio cultural é un concepto moi amplo. Por patrimonio podemos contemplar dende unha igrexa. unha catedral, un palacio; podemos considerar patrimonio as pezas custodiadas nun museo. Pero despois hai outro patrimonio que é menos visible, pero que é igual de importante, como é o caso do que vai no bloque terceiro dedicado ó patrimonio documental. No caso de Mondoñedo, ten un patrimonio documental destacable. Por un lado, a documentación xerada polo Concello dende o séculos pasados, no curso das súas actividades; está tamén o patrimonio documental conservado na catedral de Mondoñedo, no propio arquivo diocesano e incluso noutros arquivos, como pode ser o arquivo histórico provincial de Lugo no que se conservan documentos expedidos ante notario, os chamados documentos da fe pública. Tamén os documentos conservados noutros arquivos fóra de Galicia; pensemos nos que se conservan no Arquivo Histórico Nacional ou os eferentes a Mondoñedo que se conservan no Arquivo Xeral de Simancas ou a Chancelería de Valladolid.

-No programa aparecen apartados dedicados ó viño, a pratería... ¿Xa se tiñan tratado estes temas?

-Non se tratou en moitas ocasións, hai elementos do patrimonio mindoniense que nos son descoñecidos, Por exemplo, a doutora Diana Duo Rámila vai poñer de manifesto a rica pratería existente en Mondoñedo ou aspectos que hoxendía non nos son visibles en Mondoñedo, pero que noutras épocas, por exemplo entre os séculos XVI e XVIII constituía un aspecto importante da vida económica mindoniense, como era o comercio do viño. Mondoñedo igual que outras poboacións galegas tiña unha peza fundamental nas ordenanzas municipais que era regular o prezo do viño dependendo da súa procedencia. E non hai que esquecerse de que ata os séculos XIV-XV na área da provincia de Mondoñedo existía o cultivo do viño, existían viñedos. É un aspecto moi relevante que a persoa que vai intervir, Carlos Andrés González Paz, investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, coñece de primeira man porque a súa tese de doutoramento xirou entorno á sede mindoniense e aí o tema do viño é un aspecto recorrente na información que temos

-¿Como está de conservado o patrimonio?

-Xa dende fai anos e actualmente se está facendo un esforzo considerable por poñelo en valor e tratar de dalo a coñecer. Pero en Mondoñedo como en outras poboacións, é unha asignatura pendente, ou mellor dito, que se está botando a andar agora. E ten unhas posibilidades inmensas dende o punto de vista da posta en valor e difusión do seu patrimonio (...), tanto no casco como nas parroquias.