Adeus ao gran vocalista de Viveiro Carlos Díaz Mariño, «Carolino»

carlos nuevo CRONISTA OFICIAL DE VIVEIRO

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Desaparece o máis xenuíno representante da música popular viveiresa

26 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte, na mañanciña desta recen estreada primavera, o noso común amigo Pablo Mosquera anuncioume telefonicamente a nova do teu pasamento. Ben sabía da túa enfermidade e do mal que o estabas pasando, por boca da túa filla Maloli, coa que falamos durante a celebración da Gala Anual dos Aventados, con motivo da entrega do premio Toda unha vida, dedicado á túa persoa e que tiven a honra de entregar en nome dos organizadores. Debo confesar que ninguén dos teus amigos agardábamos este fatal desenlace.

Son coñecidas as vellas rivalidades entre Viveiro e Ortigueira, os “fúfaros” e os “vilanchos”, por mor do predominio na Mariña das antigas bandas de música do Condado, compostas por sagas familiares tan destacadas como os Garrote, Xurro ou Rebollar. Igualmente, é de xustiza recoñecer a iniciativa dos viveireses en canto á fundación de orquestras e conxuntos musicais, afección que arrancou coa constitución da Orquestra Variedades, en 1930, e que axiña tería continuación cun longo ronsel de notabilísimas formacións como: Amor, Capitol, Venus, Conjunto Sport, Texas, Eteis, Costa Nova, Magos, Píndaros, Murciélagos, Conjunto Canana, Stukas, Oriente, Dominantes, Piccolos, Xuncos, Nueva Salsa, Paradise ou Nueva Generación, entre outras.

Coa ausencia física de Carlos Díaz Mariño O Carolino, prodúcese non só a desaparición do maior vocalista que deu a brillante tradición musical das orquestras da vila, senón tamén do máis xenuíno representante da música popular viveiresa, pois non debemos esquecer que Carlos, ao igual que o seu irmán o tamén vocalista Agapito Díaz Mariño, comezou cantando nun grupo formado por entre vinte e trinta rapaces que se reunían todas as noites de estío debaixo dunha pereira, en Landrove, ao lado da Casa do músico Juan Parapar Cervo, compoñente das Orquestras Amor e da Variedades.

«Cantaba a todas horas»

Fóra destes ensaios e sen ningún tipo de aprendizaxe musical, dado que naquela época a maioría dos rapaces das parroquias non podían concorrer á Academia de Música, debido a falla de posibles económicos, O Carolino debeu contentarse con cantar de oído, manifestando moi prematuramente as súas grandes actitudes artísticas, que exercía diariamente durante o seu traballo de albanel ou ben alindando as vacas nos lindeiros. Como el mesmo nos ten contando persoalmente, “cantaba a todas as horas alindando nas vacas, sen ningún tipo de amplificación e escoitábanme até na Rúa Nova”. Por estas mesmas datas, Carlos Díaz, co seu irmán Agapito e con outro amigo común imitaban ao Trío Calavera, un grupo mexicano de moda que cantaba á Virxe Guadalupana; curiosamente había que imitar un falsete que só era capaz de realizalo o seu irmán.

A súa longa traxectoria

Axiña, con apenas dezasete anos, O Carolino comezou a súa precoz carreira artística, primeiro na Orquestra Capitol, dirixida por Panchigás e onde substituíu ao vocalista Pancho do Guiso, que emigrara a Venezuela; na orquestra estivo dous anos; marchando ao Conxunto Sport para substituír tamén ao cantante Marino da Aldeana. Por último, no ano 1959, e logo de ter pasado pola Variedades outros cantantes como Jaime Rodríguez Pistolas, Manuel Noriega e Carlos Covelo, ingresaría como vocalista o noso protagonista. En adiante, converteríase no gran tenor da orquestra que marcou toda unha época, chegando a ser a voz máis admirada durante 43 anos. Os grandes

éxitos serán: Campanero jerezano ou os pasodobres La Salvaora e Granada, de Agustín Lara. Nos anos finais da década dos sesenta podemos destacar no seu repertorio as versión de cumbias da venezolá Billós Caracas Boys: 3 Perlas, Palmira Señorial, Casa de Fernando, Punto cubano, etc. Carlos O Carolino semellaba o propio Cheo García, o cantante de Billós.

Nos anos 70 foi moi sonado o Show Mariachi, que consistía nunha hora de música mexicana, ataviados de “mariachis”, interpretando rancheiras de Chavela Vargas, Vicente Fernández e outros compositores, cantando a dúo Carlos Díaz Mariño e Marucho Gómez. Ademais interpretábanse os grandes éxitos dos Tamara con cancións como Morriña ou Galicia Terra Nosa.

As décadas dos 80 e 90 foron de gran esplendor musical tanto en Asturias como na Mariña e Galicia, recibindo a orquestra Variedades diversos homenaxes pola súa profesionalidade e bo facer musical. Durante o ano 2003 produciuse a gran modernización da orquestra, retirándose a gran xeración cos primeiros espadas: Cardís, Mario e o Carolino, aínda que os dous últimos continuarían ligados ao mundo da música coa constitución de Escolma de Meus.

Agora, que xa formas parte do humus desta Terra Nosa a que tanto tés cantado e amado, seguro que dende o alén vas a participar no coro dos paxaros e do canto das cotovías para anunciar os

cálidos amenceres primaverais, Que así sexa, benquerido Carolino!

**A Mª Carmen, Mari, Maloli e a toda a túa familia.