Ao fío do centenario do Pastor Díaz: teatro no Chipe

Francisco Luis R. Guerreiro OPINIÓN

A MARIÑA

No disponible

25 ene 2020 . Actualizado a las 20:44 h.

Conta Ramón Canosa que nos anos finais do XIX as compañías de teatro que se achegaban a Viveiro representaban as súas obras nun estreito local ao carón da Porta de Vila e que daquela era coñecido popularmente como «o caixón dos figos». Seica tiña un andar de palcos e mesmo un reservado «privado da visión ao exterior con barrotiños separados, ao fin de ocultar -dinos Canosa- aos espectadores con loito recente». A tarifa era máis alta que o resto e aínda que se pretendía denominalo «palco reservado» , o certo é que popularmente foi coñecido como «a gaiola dos loros». Organizábanse tamén neste local os bailes de Entroido e proxectáronse nel as primeiras películas de cine mudo «con explicador».

Mais volvendo ao fío do centenario que dá pé a este artigo e saíndo deste flash-back do «caixón dos figos», entramos nos anos nos que o Teatro Pastor Díaz permaneceu sen actividade debido ás obras de rehabilitación, do 1995 ao 2001. Curiosamente foi neste mesmo local, que se mantivo aberto até o ano 99 como Café Bar Chipe onde, a finais do século XX e xa rexentado por Dores García e Xesús Cobelo, a Agrupación Cultural Sementeira programou sesións de teatro en pequeno formato, actuacións musicais e de contacontos. Miren por onde o teatro volveu, un século despois, á cabeceira da Feira ou, se o prefiren, á rúa García Dóriga.

 

Facendo memoria das obras, actores, actrices, músicas e magos que pasaron polo Chipe durante estes anos tería que citar, entre outras, a Carlos Blanco, coa A histeria de Lili Brow; a Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, os Mofa e Befa, para ser exactos que chegaban do serrín do circo, da fumaza do cabaret e do claroscuro do cinema mudo; ao grande Roberto Vidal Bolaño, Oe, oe, oe, Sen ir máis lonxe; a Quico Cadaval, rescatando as historias que se contaban nos velorios e nas tabernas; a Pilar Pereira, a Josito Porto co Nano de Suso de Toro, a César Goldi, Luis Tosar e Piti Sanz con The Magical Brothers, a Patricia Vázquez con Carlos Blanco en Chapa e pintura, a Cándido Pazó coas súas historias, ou ao arxentino Campanari con Seres urbanos, pero non tanto. E tamén a música de Suka, os venezuelanos de Mérida; as cancións de Suso Vaamonde; A caricia da serpe de Lino Braxe, Miguel Ladrón de Guevara e Saqués; ou a maxia de cerca do noso amigo Antón López.

Coido que é de xustiza reseñar, nesta segunda entrega, a programación da Agrupación Cultural Sementeira naqueles anos nos que o edificio do Teatro estivo pechado por obras. Actividades todas por certo, desenvolvidas sen axuda institucional, mantidas exclusivamente coa aportación económica que facían as persoas que asistían a estes espectáculos e contando sempre coa colaboración de Lola e Xuxo. Que se saiba.

Agora que o Teatro Pastor Díaz segue felizmente a súa andaina camiño do segundo centenario, cumpre -como escribín no anterior artigo- dotalo de máis servizos. E un deles podería ser o recuperar a sala do primeiro andar e dedicala a actividades arredor do teatro: cursiños, conferencias e mesmo lugar de encontro para que se alguén se atopa con folgos, crie e manteña un grupo de teatro amador.