Galaxia publica unha novela gráfica de aventuras do viveirense Primitivo Marcos

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Primitivo Marcos, no seu estudo, cun exemplar da novela «O paso do Noroeste»
Primitivo Marcos, no seu estudo, cun exemplar da novela «O paso do Noroeste» PEPA LOSADA

O debuxante e exprofesor do IES María Sarmiento adaptou en viñetas de «O paso do Noroeste», de Xavier Queipo

23 ago 2023 . Actualizado a las 12:12 h.

Baleas, focas, esquimós, tormentas, narvais e mesmo osos polares son algunhas das personaxes que dan vida en imaxes a O paso do Noroeste, unha novela de Xabier Queipo que acaba de publicar Galaxia en formato gráfico, e na que as viñetas son obra do debuxante viveirense Primitivo Marcos Ferreiro (Lugo, 1962), quen hai algo máis dun ano se xubilou como profesor de inglés do IES María Sarmiento. A editorial explica que o volume, que xa está á venda, narra «a épica travesía do navío L’Épée desde Brest á badía do Hadson». «Agás a portada, todas as páxinas son en cores grises. É unha novela gráfica, banda deseñada pura. Cada páxina ten entre dúas e seis viñetas», explica Marcos, que no 2021 publicou a obra Viveiro 1810, augas mortais, na que logrou explicar en formato cómic un fito da historia naval que deixou unha pegada imborrable en Viveiro: o afundimento da fragata Magdalena e o bergantín Palomo durante a Guerra da Independencia.

  

Para O paso do Noroeste, o debuxante colaborou man a man con Queipo. «De elixir as escenas que aparecen na novela gráfica ocupouse Queipo. Foi el quen fixo a selección dos textos narrativos e dos diálogos, quen decidiu que aparecería e que non. Cando recibía os textos, o que facía eu era traducilos en imaxes. Decidín as viñetas que aparecen en cada páxina, e cantas páxinas ocupan cada escena ou cada capítulo», abundou o especialista, que empregou case dous anos en preparar a novela.

 «É unha novela de aventuras dun barco francés que sae na procura do Paso do Noroeste, e narra as aventuras do capitán Duchesnoy e a súa tripulación», Primitivo Marcos, debuxante

Segundo explicou, o «máis complicado» foi decidir como plasmar as imaxes, o tamaño da viñeta ou a cantidade de personaxes que aparecen en cada unha. Tamén debuxar o entorno do barco, con detalles precisos relacionados co barco, os uniformes ou as armas.

O ilustrador traballa xa na adaptación doutra novela de aventuras de Queipo, «Extramundi»

Conta Primitivo Marcos Ferreiro que para ilustrar O paso do Noroeste precisou documentarse ben. «Usei algún libro, pero usei Internet principalmente porque hoxe é máis doado atopar información que hai anos, cando tiñas que dispoñer de revistas ou libros especializados, que eran máis difíciles de atopar», comenta o debuxante, que desenvolveu unha «busca bastante intensa de todas as referencias» que aparecen no volume. É o caso dos uniformes, as armas, os barcos, os utensilios, etcétera. Agora que o libro xa está á venda, tanto en Internet como nas librerías, Primitivo Marcos traballa xa en novos proxectos. Concretamente está comezando a preparar a adaptación en formato gráfico doutra novela de Xabier Queipo, que leva por título Extramundi. 

Ambientada no século XVI

«Tamén narra unha viaxe nun barco, pero esta vez é durante o século XVI, na época de Felipe II, e os protagonistas non son franceses senón galegos», engade o debuxante, que, entre outros, gañou o Premio Ourense de Banda Deseñada no 2000.