Vén unha fin de semana puramente «rosaliana» na Mariña

y. garcia CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

Caldo de Gloria
Caldo de Gloria XOAN A. SOLER

Con motivo do Día de Rosalía de Castro están organizadas unha morea de actividades na comarca

24 feb 2024 . Actualizado a las 19:37 h.

Con motivo do Día de Rosalía de Castro, A Mariña prepara unha morea de citas para esta fin de semana. Será un finde totalmente rosaliano. Para comezar, o Concello de Cervo convocou o certame Versos de Rosalía, no que se pode participar con fotografía, vídeo, texto, audio, etcétera. «Premiarase por suposto a orixinalidade», sinala a alcaldesa Dolores García Caramés. O prazo está aberto ata o sábado 24, ás 17.00 horas. «É a nosa pequena particular homenaxe a Rosalía de Castro», agrega. Tamén no municipio cervense haberá unha obra de teatro escenificada por Tarabela Creativa, titulada Boa sorte, mala fama, ás 20.30 na Casa da Cultura de San Cibrao.

Sen deixar os límites cervenses, o domingo 25 a partir das 12.00 será a degustación do Caldo de Gloria en A Sacabeira Café Bar Cultural de Sargadelos, ampliando a xornada a presentación de O cento voando. Amores, alianzas e non-monogamias con Andrea Nunes e Anxela Lema, a partir das 17.00. Tamén terá lugar unha lectura colaborativa do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. O acto está coorganizado por A Sacabeira e A Fervenza.

En Foz, a celebración adiantarase ao venres 23, coa obra de monicreques A viaxe de Rosalía. «Queremos que os máis pequenos medren coñecendo a súa terra, a súa historia e as mulleres fortes que a forman e a formaron», sinalou Inés López, edila de Cultura. Representarase ás 18.30 na Casa da Cultura.

En Burela tamén será este venres 23, no salón de plenos de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas o Día de Rosalía cun maratón de lectura, sendo a quenda de mañá para os centros educativos e a de tarde para asociacións e público en xeral. «Realizaremos unha selección de poemas de Rosalía para que o público xeral poida desfrutalos neste maratón», indicou a edila de Cultura, Lina Gómez, engadindo o de Educación, Mario Pillado, a importancia da «defensa do uso da nosa lingua e a defensa da nosa propia cultura».