A esperanza dun auténtico cambio de época

Luis A. Sixto CANDIDATO Á ALCALDÍA DE FOZ DE FOZ PLATAFORMA DE FUTURO

A MARIÑA

21 mar 2015 . Actualizado a las 15:06 h.

Nos grandes momentos da historia cando os camiños se esgotaban, ou os ceos se cinguían de cores escuras ante as conxunturas de dificultade, xurdiron as lumbres de esperanza onde se fraguaron os grandes cambios de época. Logo de catro anos de anquilosamento institucional dun goberno accidental como é o da vila de Foz, pálpase unha inusitada pulsión de renovación, unha imperiosa necesidade de alternancia cara a novos postulados que dean unha saída ao desencanto político instaurado. Unha nova etapa que abrir á historia de Foz na que o mandato veciñal se fixe como contrapoder imprescindible aos partidos tradicionais cuxo centro de decisión nin tan sequera reside no pobo. Como o abandono do Alcalde de Foz do liderado das protestas a prol da mellora da Carretera da Costa, na que a veciñanza organizada está levando as rendas de maneira exemplar. Unha iniciativa veciñal que decida mediante procesos participativos, mellorando a calidade democrática, os grandes asuntos que atañen o seu futuro. Como o Plan Xeral, os presupostos, o sistema de basuras ou a depuración de augas.

Un novo tempo para a ética  e para a coherencia democrática, instaurando novas formas de facer política como a limitación de mandatos na representación pública ou o compromiso de liderar con efectividade a entrada de novas caras na política, que boa falta fai. Por todo isto e moito máis, a veciñanza de Foz estase a dispor entorno a unha nova realidade política que porá o Concello de Foz ao servizo das súas xentes, unha nova iniciativa onde se está a fraguar día tras día o futuro, e a esperanza dun auténtico cambio de época.

Luis A. Sixto Legaspi, candidato á alcaldía de Foz por Foz Plataforma de Futuro