«Nos últimos anos fíxose moita construción e pouca arquitectura»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA FOZ / LA VOZ

FOZ

Foi o encargado de abrir o foro de debate «Sentimos a arte» onte en Foz

21 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O ciclo de mesas de debate «Sentimos a arte» da Pomba do Arco, no marco da exposición de Artes Plásticas da Mariña, arrancaría onte coa intervención do arquitecto Xosé Manuel Casabella (Ferreira do Valadouro, 1941) para falar da materia que domina e dentro da cal foi director da Escola de Arquitectura. Actualmente é vogal numerario na Real Academia Galega de Belas Artes na sección de arquitectura. Mundo que sendo novo lle chamou a atención pero para nada vencellado á sú familia, comerciante.

-Habitualmente asociamos á arte a pintura, a escultura... pero a arquitectura, menos.

-Algo de artistas temos, aínda que non é que sexamos só artistas. A nosa formación é técnica pero tamén artística, temos esa dualidade. Cando hai unha conxunción da parte técnica e da artística, ese é o punto exacto.

-¿Que se fixo ben e se fixo mal en arquitectura en Galicia, sobre todo nos últimos anos?

-O que se fixo foi moita construción pero pouca arquitectura. A arquitectura non é porque se constrúa moito, é para resolver unhas necesidades. Co desenrolo tan grande que houbo na Mariña nos últimos anos, seguramente se perdeu unha oportunidade de facer lugares atendendo ás necesidades deste tempo e xerouse un crecemento desordenado, un desenrolo pouco armónico.

-¿Que ten deseñado na Mariña?

-Só a antiga praza de abastos e algunha casa en Burela e en Ferreira, apartamentos en Barreiros... Eu o que si quero é destacar a importancia e interese que tivo un seminario de deseño industrial que se celebrara en Sargadelos nos 70 por Díaz Pardo, Seoane, co que me quedara unha amizade, e Albalat. Participei nel, aínda que daquela estaba en Barcelona. Ese seminario foi debatido, problemático, pero a labor de Díaz Pardo, que fora un visionario, foi positiva. Foi o xerme dunha actividade arquitectónica en Galicia importante porque de aí xurdiu a creación e separación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia do de León e Asturias ao que pertencía e vinme para Galicia tras vivir 15 anos en Barcelona, onde estudei. Tamén se creara a Escola de Arquitectura de Galicia. Fago esa referencia á Mariña porque é unha zona moi importante e aínda que se conduxo á parte de construcción inmobiliaria, ten un potencial.

xosé manuel casabella arquitecto natural de o valadouro