Cabalos das San Lucas: Quitade a música!

Ricardo Gómez Polín, profesor e escritor

MONDOÑEDO

19 oct 2016 . Actualizado a las 17:04 h.

A esta cidade antiga que mostra os seus anos, voltaron os cabalos mudar en balbordo ese enorme silencio.

Eu atravesei as chairas lucenses respondendo á chamada secular na véspera de San Lucas, cando miña mai lembraba que había que sacar o boi da suca, primeiros sinos da outonía.

Cumprín o ritual seguindo a pegada do meu avó que conducía as bestas que non vendera no San Froilán deica o Campo dos Paxariños, polo camiño arrieiro que levaba a Mondoñedo e á feira de Santos en Gontán. Pingaba o barruzo mariñao e as mestas brétemas da Corda facían complicado sacar as greas dos seus montes.

Como sempre desde a noite dos tempos, chegaron rinchando, conducidos por xentes célticas do Campo do Oso, das bravas serranías pastoricenses de Cadavedo e das sollías encostas do Curros mindoniense, baixo a ancestra ollada do Cristo do Fiouco onde un poeta deu fe que sempre se balanceaba un aforcado. (Que os fondos do proxecto “Camino natural de San Rosendo” no seu segundo tramo, fagan por restaurar A Calzada dos cabalos).

E nesa que Cunqueiro tiña por terra de castros, chea de deliciosos nomes, alguén berrou sobre as pedras da catedral: -Quitade a música!

Eu digo: eles son a música! Deixade ouvir como petan nas vellas rúas, quero escoitar as voces rexas dos xinetes e a conversa entre o home e o cabalo. Nesta marcha racial sobre a nobre e leal e histórica cidade, sobra o ruído e a sofisticación que anulan o sentido antropolóxico da solene entrada das greas cabalares tomando os lugares sagrados.

Nestes tempos convulsos, semella que hai que inzalo todo de mecanismos que afoguen a pureza das imaxes con músicas abrasivas, pantallas, altofalantes e virtualidades. Na posta en escea da chegada dos cabalos á Praza da Catedral, non é preciso maior sofisticación que aquela que permita entender e valorar a forza propia do ritual. Esa mestura do son do gando bravo, do seu cheiro e dos berros montaraces.

Cómpre identificar polo seu nome os homes que pican as esporas e os cabalos que lideran a manada, darlles a voz e que falen coa xente que vén de lonxe para velos ao seu paso. Dar mérito e protagonismo a esas aguerridas amazonas que son exemplo dos valores que fixeron bandeira da nosa muller rural. E apagar as outras sintonías da propaganda oficial.

E logo ver como falan os cabaleiros entre as bestas e comparten as andainas para vir cos animais de lugares apartados. Como se apoian nas curradas dobregados sobre a punta da aguillada. Aprender dos seus tratos discretos e meditados. Non profanar con rebumbio alleo ese mindoniense mundo do cabalo. Respectar a tradición.

Que como dicía don Álvaro, no canto de poltros pelados de alegre crin, pronto viran follas secas co seu saúdo autumnal.