Imagen:

Mondoñedo, «capital cultural galega» o 2 de xuño

Concello, Consellería de Cultura e Consello da Cultura Galega deron onte a coñecer a homenaxe na cidade aos poetas mindonienses

MONDOÑEDO / LA VOZ

Unha «merecida homenaxe aos poetas mindonienses» reunirá o vindeiro 2 de xuño na cidade episcopal a uns 500 alumnos de conservatorios profesionais de música de Galicia e coros galegos. Trátase da quinta edición da iniciativa No bico un cantar, promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria máis Consello da Cultura Galega que foi presentada onte en Mondoñedo, coa presenza de Ramón Villares e Maximino Zumalave, presidente do Consello da Cultura Galega e membro de dita entidade máis director musical do evento respectivamente, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, ao carón da alcaldesa mindoniense, Elena Candia.

 

Novos protagonistas

O vindeiro 2 de xuño, en torno a medio millar de nenos e rapaces dos conservatorios de A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo, Viveiro e Vilalba, compoñentes dos coros Ángeles de Compostela da Escolanía da Catedral de Santiago e da Orquestra Sinfónica de Galicia, así como alumnado das escolas de música municipais de Ribadeo e Mondoñedo estarán presentes na cita cultural que mesturará a música e a poesía.

Na presentación do evento, Candia dixo que «o Concello de Mondoñedo estará sempre do lado da educación en valores, do traballo en equipo e na defensa da cultura e a lingua galega a través dos nosos autores máis representativos». Neste senso, lembrou especialmente a contribución «maiúscula» de Mondoñedo á cultura galega a través de senlleiros autores como Cunqueiro, Noriega Varela, Díaz-Jácome, Leiras Pulpeiro e Iglesia Alvariño. «Axudamos -engadiu a rexedora local- a tender unha ponte entre os creadores culturais do pasado, todos os autores que puxeron a Mondoñedo no mapa da cultura, e os novos creadores, o alumnado das disciplinas musicais que lle porá voz a este precioso proxecto». Tivo verbas especiais de recoñecemento polo empeño do Consello da Cultura Galega para Villares, lembrando o seu paso polo Seminario mindoniense, extendendo as loubanzas ao conselleiro Román Rodríguez e a Anxo Lorenzo, «dous dos valedores da cultura desde Mondoñedo para o mundo e os verdadeiros artífices, xunto co Consello da Cultura Galega, de que todo o noso potencial se dea a coñecer aos rapaces dos conservatorios».

Votación
6 votos
Etiquetas
Mondoñedo
Comentarios