Despedida de Udival aos veciños do Valadouro

MARÍA JOSÉ FERNÁNDEZ DÍAZ PORTAVOZ DE UDIVAL

O VALADOURO

21 abr 2015 . Actualizado a las 13:23 h.

Este ano UDIVAL (Unión Democrática Independente do Val) non concorrerá as eleccións municipais. A miña recuperación física está a ser máis lenta do previsto e dende o partido somos conscientes do desgaste que unha campaña supón, desgaste que agora mesmo non sei que consecuencias me acarrearía.

Valadouro necesita un alcalde, que sexa home ou muller é indiferente, pero debe ser formado e resolutivo. Unha persoa que atenda as necesidades deste Val, que colla o mellor do seu pasado pero centre a mirada no futuro, intentando que a xente nova vexa este pobo como un lugar onde asentarse e formar unha familia. A día de hoxe continúo a pensar que temos potencial e continúo ?soñando? con poder fixar poboación, con traer empresas que exploten os nosos recursos e os poñan en valor, con aumentar a calidade de vida dos veciños, con promocionar o noso municipio?

¿Qué sería dun pobo se o seu alcalde perde a capacidade de soñar e de loitar por lograr facer dun sono unha realidade?

Nós somos dos que pensamos que nos concellos pequenos, con recursos humáns limitados, os políticos deben colaborar e implicarse. Eu, concretamente, non sei traballar doutro modo e para min os traballadores que me rodearon estes anos foron os meus compañeiros. Xa me gustaría ser deses políticos de sofá e mesa, que mandan e ordenan e logo simplemente van á foto. Se este fose o meu caso poderíame presentar sen lugar a dúbidas, pero eu son incapaz, na miña cabeza unha idea da lugar a outra e pretendo que o meu corpo siga ese ritmo, pero?

Agradecementos

Teño que dar grazas, en primeiro lugar ó equipo que forma UDIVAL que en todo momento permaneceu ó meu carón e que agora me deron toda a liberdade de elixir, ofrecéndome o seu apoio incondicional, tomara a decisión que tomara, eles confiaron en min, sen siglas, sen recursos, só coa ilusión de lograr revivir Valadouro; á xente que me chamou ou falou comigo para formar parte de independentes se nos presentábamos; a todos os que traballaron comigo estes anos no Concello, que estou segura que moitas veces miraron os cambios introducidos con certo asombro pero aínda así me axudaron en todo momento; á miña familia e amigos, os máis conscientes do alto prezo que dende fai tempo estou a pagar, pois son os encargados de recoller os restos e reconstruírme a base de ánimos e mimos; e finalmente, ós imprescindibles, ós votantes que confiaron en nós e nos deron a oportunidade de facer as cousas doutro modo e que depositaron a súa esperanza en min como alcaldable, espero que saiban perdoar os nosos erros e que ó facer unha valoración conxunta do noso paso polo concello, pesen máis os bos recordos que o mal feito.

Equivocámonos. Equivoqueime. Moitas veces, seguro, pero sempre foi coa intención de lograr algo bo para Valadouro, aínda que a miña perspectiva e forma de traballar non é compartida pola maioría dos que neste concello se consideran políticos. Eu non son política, nin quero selo, non penso que todo valla, pola contra creo que aínda existen valores, en respectar a palabra dada, na defensa dos maiores e dos nenos, en non roer a man que che deu de comer, en ir de fronte e non a traizón,? e en todo iso que me inculcaron de pequena e que moitos consideran ?bobadas? do pasado.

Proxectos no tinteiro

Quedan numerosos proxectos no tinteiro, máis o noso traballo e os cambios introducidos cremos que se notaron nas distintas áreas e actividades das que nos fixemos cargo, a pesar das numerosas trabas que encontramos no camiño e de que eu este último ano tiven que baixar o ritmo e adaptarme a miña realidade. Moitos dos nosos ?sonos?, como o Centro de Día ou a Planta de Biomasa, persoalmente sigo pensando que poden ser grandes realidades e confío que os faga seus o equipo de goberno que entre.

Pido desculpas a toda a xente que esperaba a nosa presenza nestas eleccións e que se poida sentir defraudada. Espero que me comprendan, pois a vida fixo que neste momento teña que poñer un punto neste capítulo, aínda que só o destino sabe si este é o punto final.