«Esta é unha obra sinxela, que dura uns cinco minutos, é fácil de escoitar e ademais transmite felicidade»

M. G. B. VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

Julián, no Conservatorio de Música de Viveiro, prepara agora unha obra para piano e violín.
Julián, no Conservatorio de Música de Viveiro, prepara agora unha obra para piano e violín. x. f. ramallal< / span>

O xove músico de Viveiro estrea mañá a súa primeira obra, para o grupo de clarinetes, titulada  «8-Bit Entertainment»

04 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Julián González Díaz (Viveiro, 1995) é un músico novo do que o director do Conservatorio de Viveiro, Antonio Álvarez, non dubida en dicir que «é un xove que promete». A piques de rematar a súa formación no Conservatorio de Viveiro e coa mira posta na formación superior para adicarse á composición, maña estrea a súa primeira obra, «8-Bit Entertainment» que interpretará o grupo de clarinetes deste centro de formación musical. Julián di que é unha obra «sinxela, fácil de escoitar, e que transmite felicidade». Toca a gaita, pero a súa paixón é a composición.

-Din que vostede é unha xove promesa da música, ¿que opina?

-Non sei. Sempre estiven en contacto coa música, empezaría ao mellor no coro do Lois Tobío, e na Banda Naval. Desde hai dez anos estudo no Conservatorio e quero facer as probas para ir ao conservatorio superior cando acabe este curso. Non sei si ao de A Coruña, a Vigo ou a Oviedo.

-Pero o de compoñer non é o máis habitual.

-Sempre me gustou crear. A música, en comparación con outras cousas ,dáseme ben, non hai queixa.

-¿Como empezou a compoñer neste caso?

-Como a maioría do que empezo, estaba por aí e vou apuntando o que se me vai ocorrendo. O difícil é empezar a crear, ter con qué facelo.

-¿E como é esta primeira obra que estreará co grupo de clarinetes do Conservatorio?

-É unha obra sinxela, que dura uns cinco minutos, é fácil de escoitar e ademais transmite felicidade. Aínda toco a gaita esta obra é para clarinete por funcionalidade, aproveitando que había un grupo no Conservatorio. E teño que darlle o meu infinito agradecemento ao cuarteto, porque está moi ben mirada a obra (refírese ao traballo de preparación da obra para o concerto).

-¿Traballa noutros proxectos?

-Si, estou empezando a facer unha obra de piano e violín, coa que pretendo presentarme á proba para entrar no Conservatorio superior.

-Unha curiosidade, ¿ten vostedeunha nota preferida na escala musical?

-(Pensa un pouco) Si, gostame a Do. Cando penso nunha nota sempre o fago en Do, é como moi clásica.