«A Praciña da Herba é moi acolledora»

Y. G. VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

XAIME F. RAMALLAL

Dende o pasado 22 de decembro, o local contribúe a animar o casco antigo local

12 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende o pasado día 22, o día do sorteo de El Gordo, algúns foron agraciados con pedreas e terminacións grazas ao Sorteo Extraordinario de Lotería de Navidad. E os amantes da boa gastronomía e do tapeo cun novo local hostaleiro no casco antigo de Viveiro, chamado Cornelius. De momento, a resposta do público está a ser moi positiva, según confesa un dos socios do establecemento, Marcos Cora (Viveiro, 1985), que tamén leva o Punto Galego en Covas. O outro é o coñecido empresario José Manuel Vázquez «Leman», do Grupo Galipizza. Xuntos inician este novo proxecto.

-Facía falla no centro histórico un local coma Cornelius?

-Xa hai moitos locais na zona, pero pola nosa parte imos intentar meter actuacións, eventos, cousas distintas... Cornelius é unha cervexaría, que nace coa idea tamén de ofrecer copas de primeira hora da noite, trala cea. Como cervexaría, este é un lugar onde se pode vir a tomar uns viños, tamén traballamos algo a terraza xa que temos un sitio cómodo e acolledor, que é A Praciña da Herba. Era unha pena non sacarlle máis partido a ese recuncho do casco antigo.

-A nivel gastronómico, que pretende ofrecer o Cornelius?

-Racións, hamburguesas gourmet por exemplo, pero facer tamén cociña con produtos de mercado, compralos nos postos da Praza Maior e na de Abastos e chegar con eles á cociña e dicir, hoxe imos poñer isto, que se ve con boa pinta e fresco. A idea é de facelo os xoves.

-O que vén a ser o espírito da corrente chamada Km0.

-Si, un pouco esa é a idea, traballar co produto de temporada e da zona. Outro obxectivo é apoiar aos produtores locais, traballar coa xente de aquí que ao final é a que acaba traballando contigo, tomando algo aquí.

-Algo máis sobre a futura carta?

-Ofrecemos coquinas con patacas que era algo típico de Covas, entrecot, segredo, ovos rotos, patacas bravas, patacas alioli con allo negro que agora está en auxe, hamburguesa gourmet (hainas que levan por exemplo carne de rabo de toro ou son máis elaboradas). De feito, mañá [por hoxe, xoves] temos unha minihamburguesa e cada vez será distinta para ir facendo carta e tamén para coñecer os gustos da clientela. Tamén imos ter bingo gratis, a partir de 23.00 horas, no que daremos algún premio coas liñas. O tapeo funciona en horario de cociña.

-E a variedade de cervexas?

-Non temos moitas variedades, practicamente Estrella Galicia. Como o Cornelius está decorado como un submarino, queriamos facer uns submarinos. En Viveiro era algo que estaba bastante de moda e esquecido. De feito, na última sesión vermú nosa estivemos dándolle caña aos sifóns, que é algo que queremos recuperar.

-É verdade! Celebraron o primeiro Vermufest o pasado domingo. Como resultou a experiencia?

-Moi ben, un cheo absoluto. Había unhas 30 mesas fóra e todas estaban ocupadas.

-Dálle vida aos domingos, non?

-Esa é a nosa idea, revitalizar os domingos, e se abrise o comercio local xa sería o ideal. A cuestión é ir tirando uns de outros. En Ribadeo, por exemplo, abren o domingo pola mañá e descansan a do luns e din que funciona ben. Nese sentido, outra idea sería facer un domingo ao mes unha especie de rastro, falando con algún comercio pero tamén a nivel de particulares que quixeran participar. O fin é dinamizar o trato de ti a ti e coñecer ao vendedor.

-Volvendo á parte culinaria, teñen pensado dar menú do día?

-En principio non. No Entroido imos darlle unha volta á carta, preguntándolle á clientela.

-O dilema de sempre. Cociña tradicional ou de innovación?

-Eu son da tradicional, a típica de toda a vida e que penso que nos gusta a todos. Quería aproveitar para anunciar algo...

-Si, si... adiante!

-Este domingo imos montar un karaoke na Praciña da Herba para os que queiran cantar, como unha continuidade ao Vermufest e para que os asistentes se envalentonen. Será sobre as 13.30 horas.