«Aos latigazos non lles teño medo; temo máis equivocarme»

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Aínda que leva toda a vida actuando na Semana Santa, esta será a primeira vez que interprete o papel principal

18 abr 2014 . Actualizado a las 06:55 h.

Marcos Roma é a principal novidade nas representacións que celebra a parroquia de Paradela co gallo da Semana Santa. Aínda que esta non é a súa primeira actuación, porque xa fixo de anxo e de soldado, o certo é que si que é a primeira vez que asumirá o papel principal. Facer de Jesús non é doado, explica este mozo. Pero non porque vaia recibir co látigo ou porque teña que subir cargando cunha cruz ás costas. O que máis lle preocupa a este actor son os diálogos que ten a súa personaxe. Dicir e interpretar cada palabra no momento xusto, «para que todo quede ben», argumenta.

-¿Desde cando participa vostede na Semana Santa de Paradela?

-Xa fixen seis anos de soldado, pero xa empecei facendo de anxo de pequeno, cando empecei a ir ao catecismo. Tería tres ou catro anos. Xa levo toda a vida coa Semana Santa.

-¿Pensou algunha vez en que ía representar o papel de Jesús?

-A verdade é que non, colleume este ano de sorpresa. Viñeron preguntarme e, ao principio non estaba moi convencido, pero ao final decidino facer.

-¿Por que cree que o elixiron?

-Non creo que me elixiran. É un papel moi complicado, que case ninguén quere facer. Andaban na procura de quen o fixera, ata que atoparon a alguén.

-¿Supón unha gran responsabilidade relevar a Enrique Barros?

-A verdade é que si. Enrique Barros era moi bo actor e, aparte, que vivía moito o papel.

-¿Que cree que é o máis difícil de interpretar a Jesús?

-Eu creo que o máis difícil era aprender os diálogos, pero de momento a verdade é que o levo ben. Teño os diálogos ben aprendidos. Ao ser a primeira vez, pensei que ía ser peor, o máis complicado.

-Procesións, Vía Crucis ¿para facer de Jesús hai que estar en boa forma física?

-Un pouquiño si. Para facer o papel non, pero para levar os latigazos e para subir coa cruz ata arriba e estar alí colgado, fai falta estar un pouco en forma. A verdade é que non me dixeron canto pesa a cruz e non quero sabelo. Agora estamos ensaiando os diálogos, a forma en que imos falar. O resto non hai que ensaialo porque os latigazos van doer e a cruz vai pesar. O que máis hai que estudar son os diálogos para facelo ben.

-¿E hai un sufrimento físico de verdade?

-Si, sen dúbida algunha. Eu fun un dos soldados que durante tres anos que lle fun dando latigazos a un dos ladróns e agora vounos levar eu. Teño sorte que non vai ser dun dos ladróns.

-¿Hai que ser crente para representar este papel?

-Eu creo que fe hai que ter, sobre todo para poder entender e poder expresar de certa maneira o que estás vivindo.

-¿Hai algunha parte que lle dea medo ou que considere especialmente complicada?

-A verdade é que non me dá medo. Os latigazos non lles teño medo. Este ano teño máis medo a equivocarme co diálogo

-Xa se estreou no Domingo de Pascua ¿Como lle foi?

-Moi tranquilo e moi ben. Estiven moi relaxado e sentínme cómodo no papel.

-Supoño que detrás destas representacións hai moito ensaio e moito traballo.

-Ensaiamos todos xuntos tres días á semana e, aparte, hai que estudar na casa. Non queda outra para tentar facelo ben nos ensaios. Seremos máis dun cento entre pobo, os que falan e os soldados. Os que están coordinando todo isto están a cen.

marcos roma actor que representa a xesús en paradela

«Empecei facendo de anxo cando era pequeno e xa fixen seis anos de soldado»

«Enrique Barros era moi bo

actor e ademais vivía moito o papel»