«Non é momento de personalismos; eu estarei no sitio que decida a xente que se comprometa»

La Voz

AROUSA

14 sep 2014 . Actualizado a las 06:58 h.

Dende que obtivo a súa acta de deputado, unha das cuestións que o PP lle bota en cara a Fajardo é que non teña renunciado ao seu asento no pleno de Vilagarcía, tal e como anunciara. O voceiro de EU defende que non foi unha decisión persoal, senón o que a maioría da súa organización considerou oportuno.

-¿Que vai pasar agora? ¿Está vostede disposto a renunciar ao Parlamento para centrarse na area política municipal?

-Non é momento de personalismos. Insisto, non está no debate polo de agora o cabeza de lista. Eu, coma sempre, tomarei as decisións que queira a maioría. A miña postura logo das autonómicas era coñecida. Estaba disposto a centrarme no Parlamento, pero a xente da organización, a miña xente, creu que debía continuar no pleno de Vilagarcía. Eu porei o meu grao de area e estarei no sitio que decidan as organizacións e os cidadáns, a xente que se comprometa, sexa dentro ou sexa fóra. Non é algo que diga eu, estamos falando dunha proposta que Esquerda Unida vén de decidir en asemblea.

-¿E que sucederá se non acadan esa fronte unitaria?

-Estámonos a xogar o futuro. Pero non das organizacións, que deben quedar nun segundo plano, senón o futuro da xente. A xente morre, literalmente, por culpa dos recortes, tamén en Vilagarcía. Estamos diante do peor goberno da historia, que incrementa impostos a cambio de menos servizos. Non fixeron en todo o mandato unha proposta a dereitas e agora están dispostos, por mero electoralismo, a esnaquizar o patrimonio e a personalidade que nos queda como pobo. E o alcalde compórtase coma unha galiña sen cabeza, sen proxecto, sen idea do que pode ou quere facer, funcionando coma Billy El Niño e o Sheriff, e todos sabemos quen son. Así que temos que conseguir unirnos. Isto é algo demasiado importante.

-Fala, ademais de cidadanía e de organizacións políticas ou sindicais, tamén de colectivos.

-Iso é.

-¿Tamén os comerciantes, por poñer un exemplo sen siglas?

-Por suposto. Falamos de comerciantes, de colectivos que xorden nas redes, da xente dun sector tan puxante e en risco coma o cultural... Nesta candidatura pode participar todo o mundo.