«Fixen a primeira obra con 13 anos e no colexio xa dicía que actuaba»

La Voz

AROUSA

19 oct 2014 . Actualizado a las 04:54 h.

Primeiro foi Ursia, a súa irmá, que ía ensaiar a Clámide con Mónica. «Pero un día Mónica non podía e Ursia díxome que se quería ir. Eu xa fora a ver unha obra na que actuaba ela e emocionárame moito, así que fun moi contenta, senteime nas butacas e resulta que había alguén que tiña que deixalo, que non podía facer o papel, e Maga volveu os ollos e díxome: ?Nena, ¿ti sabes ler? Pois sube?. E cando rematamos díxolle a Ursia que se quería que me daba o papel. Fíxome unha ilusión... Eu era unha apaixonada do teatro e Maga era incrible. Debía de ter 13 anos cando fixen a primeira obra e no colexio xa dicía que actuaba».

O seguinte paso foi un cásting «moi en serio, parecía unha actriz de verdade». Representou Angelina y el honor de un brigadier, e xa quedou enganchada. «Porque estaba eu e Ursia e Pico, e todos os amigos de Carril, éramos unha pandilla e o pasamos moi ben».

Chegou a hora de ir á universidade, e Anabel xa andaba tentando. «Como a Madrid non podía ir, fun a Santiago, que era onde había teatro». E de aí ás compañías universitarias, e logo, outra vez a sorte púxose da súa parte. «Roberto Vidal Bolaño estaba preparando Ópera dun patacón, e non sei que desacordo tivo coa xente profesional que andaba a buscar actores na universidade, e fixo un cásting e colleunos a Ursia e a min, que pasamos a formar parte da súa compañía. Si, tivemos moita sorte».

Agora que dirixe co CDG As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, unha obra de Carlos Casares que a trouxo hai uns días á súa terra natal, e que representa -cando pode- C?est la vie, bota unha ollada atrás para recordar con cariño a Maga, a Julio, a Elva... «O veleno no corpo metéronmo eles. Son cousas que se fan de corazón e que conseguiron transmitilo, foi moi bonito».

anabel gago actriz