Mellor con menos coches

Cesáreo Mosqueira

AROUSA

19 oct 2014 . Actualizado a las 04:56 h.

Hai 15 anos, Pontevedra comezou a aplicar unha política de mobilidade urbana segura e sustentábel, que persegue manter unha elevada calidade urbana, reducindo e pacificando o tráfico a motor.

Optamos por ter rúas, e non estradas con beirarrúas, porque nas rúas é onde acontece parte da vida urbana, polo que o tráfico a motor ten que estar supeditado a outros usos do espazo. As rúas e prazas deben ser a continuación dos nosos domicilios ou comercios, polo que se converten en espazos de convivencia e sociabilidade, especialmente para os nenos e nenas, e para os que teñen maiores dificultades para moverse.

Camiñar é o xeito máis natural de desprazarnos, polo que a cidade debe estar pensada e deseñada para iso mesmo, con pasos sobreelevados para que os coches teñan a sensación de que «invaden» o espazo peonil, e non ao revés. Tamén necesitamos reducir a contaminación ambiental e acústica, porque é unha necesidade para o planeta e para as persoas que vivimos na cidade.

Para lograr todo isto hai que reducir drasticamente o volume de tráfico a motor. Para iso hai que desvialo por vías periféricas, impedir cruzar a cidade e reducir o tráfico de excitación (ese que dá voltas e voltas buscando onde aparcar). Para iso é interesante o concepto de necesidade: circularán e aparcarán só los coches «necesarios» para o funcionamento da cidade, eliminando o uso de oportunidade, hábito ou comodidade.

A cidade, por tanto, debe ser un lugar seguro, libre de violencia viaria, cuns baixos índices de circulación a motor e velocidade. Só con vontade política e coñecementos técnicos axeitados pódese lograr unha cidade ou vila de alta calidade urbana, e o modelo de mobilidade peonil resulta unha grande axuda para acadar ese obxectivo.