O Concello de Cambados implanta un innovador sistema para o pago de recibos a través de códigos QR

La Voz

AROUSA

Un caixeiro virtual permite aos usuarios realizar os pagos a través de dispositivos como un smartphone

20 dic 2014 . Actualizado a las 13:13 h.

A principios do ano 2015 o Concello de Cambados vai proceder á implantación dun caixeiro virtual de pagos on-line que lle permitirá aos veciños, a través dun código QR, realizar o pago dos recibos municipais. Unha empresa especializada no sector das tecnoloxías da información e as comunicacións vai proceder a activación deste innovador sistema. Inicialmente, en Cambados serán tres as entidades bancarias coas que se poderá operar.

«Trátase dunha iniciativa innovadora, xa que con este servizo de pago on-line, o Concello de Cambados converterase en modelo de referencia non só en Galicia senón en toda España. Este proxecto é a culminación dun sistema de información recadatorio que se foi implantando de forma modular durante estes anos en colaboración estreita co persoal técnico municipal, aumentando de forma efectiva a calidade de xestión cara ós cidadáns», segundo explican desde o Concello «Ademais de contar cunha ferramenta rápida, eficaz, potente e novidosa, este sistema permite ter un contacto aínda máis próximo e cercano coa veciñanza, ademais de proporcionar ferramentas avanzadas para facilitar as xestións tributarias coa administración local».

Para utilizar este sistema, o contribuínte leva no recibo impreso un código QR (quick response code: código de resposta rápida); este pódeo escanear a través do smartphone, tablet ou outro soporte, e envialo a unha pasarela de pago, onde unicamente terá que introducir a súa tarxeta de débito e, opcionalmente, unha conta de correo electrónico, para recibir de forma inmediata un xustificante da operación efectuada. A antedita pasarela permite realizar todo tipo de pagos relacionados co Concello, dende una taxa, por exemplo, ata a alta do imposto de circulación, unha licenza de obras, matriculación en cursos, etcétera. Unha vez efectuado o pago, o usuario obtén un resgardo que xustifica a operación en tempo real.