O mediapunta Alberto Cabanyes ficha por un Arousa que xa só busca lateral

la voz VILAGARCÍA

FUTBOL GALLEGO

Os test ante Coruxo e Compos convenceron o club da idoneidade dun futbolista de 22 anos que se dedicou a mandar currículos por equipos de España

05 ago 2015 . Actualizado a las 08:25 h.

O Arousa xa só busca un lateral dereito de plenas garantías e madeira de carrileiro para completar o plantel co que tentará o asalto aos catro primeiros postos da vindeira Liga de Terceira. Alberto Cabanyes, o único dos tres xogadores a proba quen de superar a primeira semana de adestramentos aos ollos do corpo técnico e da directiva do club arlequinado, pechaba onte o correspondente acordo de fichaxe polo equipo vilagarcián.

Empregado coma mediapunta por Piscis nos dous test de pretempada acumulados polo Arousa ata o momento, as excelentes prestacións ofrecidas por Cabanyes ante dous Segunda B coma o Coruxo e o Compostela remataron por convencer nas oficinas da Lomba da idoneidade da súa contratación. Dúas actuacións nas que o futbolista madrileño (21 de xuño de 1993) despregou una notable batería de recursos e de calidades, tanto para o remate desde lonxe como para o desborde, pero sobre todo para o pase cirúrxico acompañado desa precisión que tende a converter o desprazamento do esférico nunha asistencia de gol. Como as que lles proporcionou a Santaló fronte ao Coruxo, e o pasado sábado a Eloy Fariña no seu segundo tanto ao Compos, con vitoria final arlequinada por 2-1.

Formado no Tres Cantos, Alberto Cabanyes fichou coma xuvenil de primeiro ano no Atlético de Madrid de División de Honra, para rematar os seus derradeiros meses de formación no Leganés. Tras unha campaña a medio camiño entre o Adarve e o Colmenar Viejo da Terceira madrileña, o pasado exercicio militou no Tres Cantos de Preferente. Logo de rematar os seus estudos de Comercio mandou currículos a varios equipos de fóra de Madrid. O Arousa deulle a oportunidade, e agora quere probar que non se trabuca.