Os Ingleses, na procura mañá do relevo a Fito Brea tras 12 anos de presidente

VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O club celebrará mañá asemblea de balance de tempada e de relevo á fronte da entidade

25 may 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Os socios dos Ingleses Rugbi Club están convocados mañá a dúas asembleas que deberán rematar coa elección do novo presidente da entidade na sala de xuntas do Centro Comercial Arousa, sito na terceira pranta do establecemento vilagarcián.

A primeira, de carácter ordinaria, ten as oito da tarde como hora de inicio en primeira convocatoria, e as oito e media en segunda, destinada a informar e aprobar os balances deportivo e económico do club. Neste último apartado, cun pequeno superávit onte inda pendente de pechar.

Acto seguido abriráse un proceso electoral para o relevo de Fito Brea coma presidente dos Ingleses. Cargo no que acumula 12 anos, aos que engade case dúas décadas coma directivo dunha sociedade deportiva na que participou como fundador hai 28 anos en calidade entón de xogador.

Fito Brea explicaba onte a súa marcha porque «llevo mucho tiempo, y se necesita un cambio». Con el iráse a actual secretaria, Anabel Gallego. Os outros seis integrantes da actual directiva, pola contra, estarían polo labor de continuar á fronte do club, de aí que Brea estea a tentar convencer a algún deles para que dea un paso á fronte e asuma o seu cargo. Se esa persoa ou calquera outro socio se presentan mañá en solitario será elixido nese mesmo momento. De haber máis dun candidato, ou ningún, abriráse unha semana de prazo para atopar novo mandatario.