«Hai que aproveitar o que temos»

carlos pereiro

AROUSA

Ao vivir en persoa o abandono de espazos na súa aldea pensou como revivilos

27 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sheila García, natural de Barro, ao igual que resto da súa familia, é unha nova arquitecta de mente inquieta. Ao vivir en primeira persoa a sangría de habitantes da súa aldea, así como o desaproveitamento duns espazos rurais que foron desprazados cara unha especie de esquecemento, decidiu por as mans e a cabeza a traballar e elaborou una proposta de proxecto que viu a luz, hai un par de semanas, baixo o nome de Especies de Espazos.

-¿Como nace o proxecto?

-Era algo que viña tendo na cabeza dende hai un tempo e nace ao comprobar a vida do rural. Unha constante perda de patrimonio, falta de equipos, de material, da despoboación... Decateime que faltaban lugares onde a xente puidera quedar, reunirse. Ao mellor non nun núcleo como San Antoniño, pero o resto de aldeas de arredor carecen desta idea de espazo físico. Incluso un sendeiro coma o Camiño Portugués non está aproveitado polos veciños.

-¿E que propón?

-Moi resumidamente, poderíamos falar da idea de crear unha rede que aglutine espazos onde os veciños poidan reunirse, pasear, ou realizar calquera idea ou tema que propoñan, sen a necesidade dun gran presuposto, simplemente debemos aproveitar o que temos, darlle unha volta.

-Unha idea que botou a andar hai uns días, ¿non?

-A fin de semana do 17 de setembro, en Agudelo, fíxose unha actuación na vella escola unitaria. Non era un edificio totalmente abandonado, pero tampouco estaba o suficientemente ben como para servir de lugar confortable. A escola pechou as portas no 74. O seu uso na actualidade estaba limitado a algún curso, como colexio electoral...