«Por libre, sen unirte a outros produtores é complicado sobrevivir hoxe no campo»

La Voz

AROUSA

19 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O xerente de Horsal anima a mocidade a apostar polo agro coma forma de vida, sempre e cando esa forma de vida a atraia, e estea disposta a traballar duro, e en equipo.

-Durante moitos anos a descapitalización do agro semellaba ser vista polos responsables políticos galegos coma un símbolo de progreso. Dun tempo para acá a Xunta sostén a necesidade de recuperar activos no agro ante a sangría no rural. ¿Son só palabras solemnes, ou hai unha política decidida e acertada en marcha?

-Prefiro non valorar o labor dos políticos nese sentido.

-Co tempo completamente tolo e sen visos de recuperar a cordura das catro estacións do calendario do campo, coa auga cada vez máis escasa en Galicia, coa aparición acelerada de novas pragas foráneas e cos prezos cobrados polas colleitas, haberá quen pense que meterse a traballar a terra é máis ca nunca un pésimo negocio...

-Nós todos os anos temos produtores que se incorporan, e que entenden que é unha forma de vida moi interesante, e que se xenera un bo emprego, cun nivel de emprego máis ca aceptable. Na produción de invernadoiro as condicións de produción están máis controladas có aire libre. Nestes últimos anos, a pesar de que o tempo está algo raro, non tivemos afectación na produción.

-¿Por que debería un mozo apostar por facerse agricultor, e que tería que facer para non fracasar no intento?

-Para meterse agricultor, ten que ser algo que che guste. A primeira clave do éxito dunha explotación hortícola é que lle guste á persoa coma forma de vida. Si é certo que precisa de certo nivel de investimento inicial. Pero eu daría tres elementos para que a aposta saia ben. Que á persoa lle guste e lle poña ganas, unha chisca de sentido común, e que una esforzos con outros produtores, como unha cooperativa como a nosa. Hoxe por libre é complicado sobrevivir.

-¿Ata que punto e en que medida ten o agro arousán potencial creador de emprego?

-Vencelladas a Horsal hai 90 familias vivindo directamente da produción da horta. Hai explotacións que contratan man de obra allea, cando menos na campaña de verán. Horsal manexa da orde de 200 postos de traballo entre os produtores, as súas familias que traballan da explotación, e os temporeiros contratados. Non é a Citröen, pero ten a súa importancia na comarca. E cun potencial de seguir medrando. Levamos tres anos cun bo crecemento, e contamos con seguir así.