Imagen:

«Horsal e Hortumia maduramos un proxecto único, descoñezo o cando»

Cun aumento do 21 % da facturación interanual da súa cooperativa no 2016, ve na horta arousá marxe de expansión


vilagarcía / la voz

Con 141 socios, 60 deles xa xubilados, Horsal vén de pechar un 2016 inmellorable. Cun incremento dun 21 % da súa facturación interanual ata os 2,85 millóns de euros e 2.300 toneladas de produción, e cun aumento do prezo da liquidación dos seus produtos entre os seus socios do 5,7 %. Fernando Veiga Fernández (Lugo, 30 de maio de 1969) é desde decembro do 2012 o xerente da cooperativa cambadesa, nas súas estimacións, a produtora de máis do 50 % da produción hortícola do Salnés. Inda residual na súa conta de resultados, 150.000 euros da facturación, a exportación é outra unha das vías de crecemento por explorar en Horsal, con mercados xa abertos no Reino Unido, Holanda e Alemaña, e Suíza na mira.

-Despois de catro anos traballando na xerencia de Horsal, ¿cal é a súa radiografía do sector agrícola en Arousa?

-O hortícola é un sector que diminuíu nos últimos 30 anos, por varios factores. Un deles a transformación de superficie de horta en produción de albariño. Nós levamos posiblemente uns cinco anos con xente que se está a incorporar á nosa actividade por unha menor posibilidade de emprego noutros sectores, e porque, polo que contan, a viticultura non é tan rendible nos últimos anos.

-¿Debe preocupar a crise da polilla na pataca na comarca?

-Non. Esta non é unha zona de produción de pataca. Nós non traballamos nada de pataca. E nin sequera é unha zona en cuarentena.

-¿Cales son os produtos estrela da horta da nosa zona, os que teñen maior saída?

-A leituga, que é un cultivo que se fai ao longo de todo o ano, ten un peso importante. E os cultivos da campaña de verán, co pemento de Padrón como o máis importante, logo de desprazar o produto historicamente máis exitosos no Salnés, a xudía. O xermolo de Horsal, polo que contan os fundadores, foi solucionar os problemas de comercialización da xudía. Pero a produción marroquí influíu moito na gran diminución da produción da nosa xudía.

-Falaba vostede da competencia da viticultura. Fronte a ela, ¿ten o sector hortícola capacidade de crecemento en Arousa?

-Si. Nós de feito levamos tres anos de crecementos importantes de produción e de facturación. Poden convivir perfectamente en harmonía a horta e o viño. Moitos dos nosos produtores combinan ambas actividades. Para moitas cousas son actividades moi complementarias, por man de obra, por aproveitamento de maquinaria... Hai superficie ociosa que permitiría seguir aumentando a produción, e que haxa máis cultivos con peso importante no sector.

-¿Cales son as principais problemáticas específicas da agricultura do Salnés?

-Hai cuestións estruturais vencelladas ao minifundismo, á dimensión das parcelas, e ao acceso á superficie agraria útil. E como en todo o eido rural e agropecuario, temos certo problema de relevo xeracional. Nós estamos a incorporar produtores novos. Pero inda así non chegamos á taxa necesaria de reposición para compensar as baixas e o cese de actividade da xente que se xubila. É a materia pendente. Inda que a xente que se incorpora traballa explotacións máis extensas, andamos moi xustos para compensar os que se xubilan

-Horsal e Hortumia, as dúas maiores cooperativas hortícolas do Salnés, levan anos manexando entre os seus plans un proxecto de fusión. ¿Creo preciso neste momento? ¿Por que?

-Entre Hortumia e Horsal temos un moi bo nivel de entendemento e de organización, traballamos moitas cousas conxuntas, e no futuro vai ser un proxecto en común. Estou convencido. É unha necesidade, e unha oportunidade. Pero todas as organizacións teñen o seu ritmo, e non sei en que horizonte se pode conseguir. Eu estou moi satisfeito dese nivel de entendemento entre ambas as dúas organizacións. Cada vez é maior. E iso irá madurando cara a un proxecto único. O que non sei é cando.

«Non chegamos á taxa necesaria de reposición da xente que se xubila. É a nosa materia pendente»

«Hai superficie ociosa na comarca que permitiría seguir aumentando a produción hortícola»

Votación
1 votos
Etiquetas
Comarca do Salnés Reino Unido Agricultura Holanda Suiza Lugo ciudad Padrón
Comentarios