Veloso reedita 14 anos despois o seu primeiro triunfo profesional

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

O arousán do W52-F.C. Porto gañou en solitario a Clássica da Primavera de Póvoa de Varzim dun xeito parecido ao do 2003

21 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Sempre é bonito gañar onde gañei hai 14 anos a miña primeira carreira como profesional, e dunha forma parecida. Recordo aquela carreira coma se fora hoxe». Gustavo César Veloso saboreaba onte xa de volta no seu fogar vilagarcián o seu primeiro triunfo da tempada 2017. Na Clássica de Primavera de Póvoa de Varzim, onde o arousán probou unha vez máis ser un dos corredores máis listos do gran pelotón, cinguido polos avatares da vida aos circuitos continentais nas filas do W52-F.C. Porto.

Con 51 segundos de diferenza atravesou Veloso a meta de Póvoa de Varzim respecto ao boliviano Omar Mendoza e ao portugués Domingos Gonçalves, no final á tentativa boa da xornada na que participaron máis dunha ducia de corredores, con representación de todos os equipos importantes, e co cambadés e gregario de Gustavo César no W52-F.C. Porto, Ángel Sánchez, metido de cheo desde a demarraxe na segunda das sete voltas ao circuito na periferia da localidade lusa.

«Foi moi parecido ao que pasara 14 anos antes. A diferenza é que desta volta foi unha guerra desde que comezou a carreira, e daquela o pelotón tirara a fuga».

«Nos dous casos faltarían máis menos uns 20 quilómetros para a meta. No 2003 nos 40 que quedabamos no pelotón estaban Ezequiel Mosquera, Orlando Rodrigues, David Blanco, David García... A 500 metros de coroar o alto do circuito, sobre pavés, saltei, e funme só, sacando tamén preto dun minuto», rememora Gustavo César. O pasado domingo formouse a fuga boa na subida, tamén adoquinada, na segunda das sete voltas de 21 quilómetros da Clássica da Primavera. Con Álex Marque e con Joni Brandão, do Sporting Tavira, Sergio Paulinho, do Efapel, João Benta e Domingos Gonçalves, do Boavista... Xente importante de todos os equipos. Con ataques case constantes que foron desgastando os corredores, sobre todo, subliña o bicampión da Volta a Portugal, polos 21 pasos sumados nos tres treitos con pavés do percorrido.

Na base da última pasada polo alto «collín e arrinquei eu só, deixando a Marque, Gonçalves, Mendoza e César Fonte detrás. «Fun a tope ata coroar o porto. Marqueime unha cronoescalada de 1,2 quilómetros ao 7,5 % sobre adoquín». E alzou os brazos con todo o tempo do mundo, gozando do premio engadido ao gañador da montaña nunha proba que «para min é especial, unha especie de fetiche, por ser co seu empedrado a carreira máis parecida ás clásicas de centroeuropa».