«Os nenos deben identificar o maltrato dende pequenos»

carmen g. de burgos

AROUSA

CEDIDA

A compañía Trinke Trinke imparte esta tarde do Salón do Libro un contacontos teatralizado sobre saúde afectiva

28 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

David Pernas (A Coruña, 1968) é o director de Trinke Trinke, que esta tarde ofrece un contacontos teatralizado sobre A saúde afectiva no Salón do Libro.

-¿Un contacontos sobre saúde afectiva...?

-A idea xorde a partir da iniciativa dunha psicóloga do centro de orientación familiar de Orillamar, na Coruña, que se chama Chus Díaz Anca, que traballa a cotío con situacións de maltratos, de abusos, de acoso a persoas homosexuais e todas esas problemáticas que se poden englobar dentro do tema afectivo-sexual. Consideramos que é moi importante dende idades moi temperás empezar a educar aos nenos e nenas nunha afectividade sán, porque os afectos insáns están na base do maltrato e dos abusos. Nós, a través do contacontos que imos representar no Salón do Libro o que se pretende é dar unha mensaxe clara de que aqueles que nos queren son aqueles que nos coidan e que nos respectan, porque así aprendemos dende pequenos.

-¿Que ferramentas teñen os nenos para detectar unha relación insán?

-Imos dramatizar cos adultos e asistentes distintas situacións cotiás moi breves entre persoas que en principio se queren, ou se deberían de querer porque son familiares, seres queridos. A miña compañeira Isa Risco, no seu papel de ratiña Carolina, de Lonxedetodo, e os nenos teñen que identificar se esas persoas que están nesas situacións se queren ben ou se queren mal. E introducimos tamén o concepto de querer ben.

-¿Por exemplo?

-Por exemplo, eu vou correndo cara miña nai, tropezo caio, e miña nai di: «A ver, ho, espabila, que pareces parvo», en lugar de axudarme a levantar, que parece o adecuado, ¿non? Ese é un exemplo, pero hai moitos máis, nos que ás veces nós tratamos mal a aqueles que nos queren, e aqueles que nos queren trátannos mal a nós. Así que trátase de que xa dende moi pequenos as persoas identifiquen eses maltratos e esas relacións afectivas insás, por sutís que sexan. A resposta é moi positiva.