Tres equipos arousáns esprintan para dar o gran salto desde a Primeira

La Voz

AROUSA

Amanecer, Umia e Juventud Cambados aspiran a copar as tres prazas de ascenso á Preferente

20 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Conseguir o dobrete nos dous puntos neurálxicos do fútbol ribadumiense non lle resultará nada doado a Pablo Torres, pero desde logo non é, nin moito menos, un imposible. O primeiro plantel do Umia figura nestes momentos e a falta de tan só xa catro xornadas de Liga no grupo de media ducia de equipos que pelexan polas tres prazas con dereito a competir a vindeira tempada na Preferente Sur. Un pelotón delimitado polo primeiro terzo da clasificación dunha competición con 18 conxuntos en lid, co Marcón Atlético líder con 57 puntos, seguido do Campo Lameiro con 56, do Beluso e do Amanecer con 55, do Umia con 51, e do Juventud Cambados con 49. Os números falan da posibilidade mesmo de que O Salnés cope os ascensos.

O cadro arousán que mellor o ten é o Amanecer. E non só por figurar hoxe empatado a puntos co terceiro clasificado. O seu é sobre o papel o calendario máis manexable dos seis implicados na pelexa -ver recadros superiores-. O único sen un só enfrontamento directo, con tres rivais que pelexan por eludir os que poderían chegar a ser ata seis descenso, Gran Peña (9.º), Pontevedra B (14.º) e Domaio (13.º), e unha visita ao desafiuzado San Miguel. «Hai que gañar o domingo, e só despois pensar no seguinte partido», dicía onte o técnico do conxunto grovense, Ricardo Dios, quen salienta que «temos rivais que se están a xogar a vida».

No outro extremo se atopa hoxe o Juventud Cambados, A 6 puntos da entrada no ascensor á Preferente, «para nós está moi complicado. Gañando na anterior xornada recuperamos opcións, pero o empate e as dúas derrotas precedentes nos afastaron dos postos de arriba», comenta o seu técnico. Un Luis Carro que lembra a condición de recén retornado á Primeira do Juventud. Con todo, lanza unha mensaxe de esperanza: «mentres haxa puntos, hai vida».

Dúas derrotas co Amanecer e co Sp. Guardés retrasaron o Umia, que tras un espectacular inicio de Liga rematou por repoñerse da longa lesión do seu goleador, Chan, para encadear 11 xornadas en positivo. Pablo Torres segue «confiando no ascenso. Se gañamos os 4 partidos, podemos facelo», di, cunha visita a vindeira semana a Campo Lameiro co Cambados xogando en Marcón.