Un título, cinco barcos no Campionato de España, e sete podios arousáns no Galego

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

A tripulación infantil do C.R. Vilaxoán fíxose coa bandeira autonómica nas augas de Meira

25 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Campionato Galego de Bateis concluíu na mañá do domingo en augas de Meira cun título, con sete podios e con cinco barcos arousáns clasificados para o Campionato de España desta fin de semana en Sestao, a falta de coñecer se algunha renuncia doutras comunidades autónomas permite ampliar o número.

A embarcación infantil do Club de Remo Vilaxoán tróuxose para o local do equipo a bandeira de campioa autonómica. Cun crono de 4.38.85 e con 5,66 segundos de vantaxe sobre a tripulación do C.M. Bueu, subcampioa. O C.R. Rianxo completou o podio da categoría.

O Vilaxoán gozou tamén do segundo posto final do seu batel cadete, a 4,9 segundos do de Samertolameu, do segundo posto do barco xuvenil feminino, a 1,87 segundos do da S.D. Tirán, e do terceiro posto do de promesas, nun final a cara de can coa campioa, Tirán, e co Vila de Cangas, con 96 centésimas de segundo entre a primeira e a terceira.

Nas categorías raíñas, o C.R. Mecos foi subcampión tanto en féminas, a 5,31 do C.R. Náutico de Ribeira, como en homes, a 3,15 do C.R. Moaña. Nesta última, co Amegrove C.R. terceiro a 4,05. De partida, só os dous primeiros por categoría teñen dereito a acudir ao Nacional.