Tono Campos renuncia á concesión directa da praza do C-1 no Mundial para poder gañar tamén a do C-2

AROUSA

CEDIDA

Pelexará en menos dun mes polos dous pasaportes no Campionato de España tras recibir o luns a alta da súa grave lesión muscular

26 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 26 de decembro Tono Campos padeceu un dos episodios máis doorosos da súa carreira deportiva. A estrela mundial do maratón de piragüismo sufría durante un adestramento no ximnasio do seu club, o Breogán do Grove, a rotura do tendón peitoral maior, desgarrándoselle parte da musculatura da zona mancada. Dezasete días despois, o 13 de xaneiro, o canoísta meco era intervido cirurxicamente no Instituto Médico Arriaza y Asociados da Coruña. O pasado luns, algo máis de tres meses despois, recibía a alta médica, e a luz verde para tentar recuperar todo o tempo perdido e chegar a punto para o Campionato de España de Maratón, o 20 e 21 de maio.

E é que a cita estatal será a que decida dunha tacada os nomes dos padexeiros con dereito a representar a España nos dous grandes campionatos internacionais da tempada de maratón. O Europeo de Ponte de Lima, Portugal, do 30 de xuño ao 2 de xullo, e o Mundial de Pietermaritzburg, en Sudáfrica, do 8 ao 10 de setembro. A distancia desta última localización obrigará á entrega das embarcacións dos padexeiros internacionais á Real Federación Española de Piragüismo (RFEP) entre o 3 e o 5 de xullo para a súa saída por barco cara Sudáfrica o 10 dese mes, o que fai imposible a disputa dun segundo selectivo específico para a elección do equipo nacional español para o Mundial.

Así as cousas, Tono Campos explicaba onte que «pola lesión lle solicitei á RFEP a praza directa, ao collerme moi pronto o Campionato de España», adxuntando «os meus resultados» como aval, con preto de dúas ducias de medallas internacionais entre europeos e mundiais de fondo. «Concedéronme a clasificación directa para o C-1». Pero o afán competitivo do grovense moveuno a rexeitar o detalle da Federación. «Cando lles dixen que me ía apuntar no C-2 no Campionato de España para conseguir tamén a praza, respostáronme que se estaba ben para saír no C-2, tamén o estaba para o C-1», algo co que Campos, di, discrepa. Con todo, «mandeilles un correo agradecéndolles a concesión, pero renunciando ao C-1. Porque quero conseguir as dúas prazas para o Mundial, tamén polo meu compañeiro do C-2 -José Manuel Sánchez-. Se sae ben, fágome coas dúas, se sae mal, con ningunha. A todo ou a nada», declara o mellor canoísta español de maratón da historia.

Pese a non recibir a alta ata esta semana, Tono Campos explica que «non comezo de 0. Tras a operación estiven parado mes e medio. Foron dous meses de inactividade total. Despois comecei a facer natación, a correr e a saír en bicicleta, compaxinándoo con fisioterapia». Traballo eminentemente de rehabilitación e de mantemento, que hai tres semanas daba paso á volta á auga: «Desde a semana pasada fago xa series de maratón a ritmo medio-alto, de cruceiro. E cada día atópome mellor». Tono Campos está de volta.