«Este grupo naceu nun garaxe do Grove»

AROUSA

CEDIDA

Son seguramente a banda máis excitante do momento. E son mecos. The Limboos actúan o venres no San Xoán do Náutico

21 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Co seu primeiro traballo, Space Mambo (2014) xa chamaron poderosamente a atención. Pero o que está a acontecer con este segundo, Limbootica! (2017), nin eles mesmos podían agardalo. Fascinado primeiro e conquistado despois o territorio peninsular tralo verán ansían o asalto continental. Iso si, para que todo isto acontecera tiveron que deixar terras mecas e poñer unha pica en Madrid.

-De feito en moitos medios xa aparecedes reseñandos como «grupo madrileño».

-Cousas dos que escriben... Que che vou contar a ti! (Rise). Pero nós, tanto na web como nas redes ou nas notas de prensa sempre incidimos no da dobre nacionalidade. É que o grupo naceu nun garaxe en Boibas, no Grove. Deberían citarnos como galegos con residencia en Madrid ou algo así.

-Cada vez é máis difícil atopar un oco entre xéneros pero a vosa mestura entre sons dos 50, rytmh & blues, mambo, swing e, cada vez máis, músicas latinas amosouse como unha proposta realmente orixinal e atractiva.

-É certo que a nosa mestura de estilos non é moi habitual. Agora mesmo hai un certo rechazo ao latino cando é unha música que ten moita relación coa nosa tradición cultural por aquilo do intercambio musical que había cos emigrantes. Pero bueno, nós facemos a música que nos gusta sen ningún tipo de prexuízo.

-Tampouco é un revival puro e duro. Hai moito de aportación e contemporaneidade.

-A intención do grupo era esa. Algúns de nós viñamos de grupos da escena revival e con The Limboos queriamos trascender da cuestión dos estilos para non estar sometidos a esas restriccións estéticas e musicais que os xéneros parece que impoñen.

-Incluso estades chamando a atención dos festivais. Este ano estades programados en varios deles.

-Si, pouco a pouco vaise abrindo o espectro. Dende o principio tocamos en bastantes festivais. Daquela eran minoritarios e moi de xénero e agora xa imos tendo cabida tamén nos xeralistas. O que é moi interesante de cara a ir gañando novos públicos. Supoño que os promotores dos festivais caeron na conta de que en realidade o noso público é moi heteroxéneo.

-O venres regresan ao Náutico pero xa como «estrelas». ¿Algunha sensación especial?

-Miguel (de la Cierva) sempre nos apoiou. A nós e a todos os grupos do Grove. Eu lembro hai dez anos estar ensaiando con The Phantom Keys no Náutico e pouco menos que tendo as chaves. Regresar alí sempre é un pracer. Mira que xiramos por toda España e parte de Europa e no oitenta por cento dos sitios rematamos falando do Náutico. É un lugar que acadou a categoría de mítico. Ten un aura especial.

-Cónstame que estás ao tanto da escena musical galega. ¿Como estás a ver o momento actual?

-Claro que a sigo. Teño nela moitos amigos dende hai moito tempo. E a verdade é que está nun momento doce, tanto no que se refire a variedade de estilos como a calidade. Hai un montón de bandas que están facendo moito ruído. Raro é o mes que non temos a un grupo galego tocando en Madrid. Eu non lembro que iso pasase nunca antes.

-Moitos aínda lembramos os artigos de Roi Fontoira en La Voz de Galicia. ¿O do xornalilsmo xa pasou á historia?

-A verdade é que estou moi desentrenado pero é algo que me gustaría manter. Non é algo que descarte de cara ao futuro pero agora mesmo estou centrado na música, que é a miña vocación principal e pola que un bo día tireime ao valeiro. O xornalismo esixe moito tempo e moita cabeza. Manter as dúas cousas á vez é complicado.