Umia e Arousana xogarán a fase de permanencia entre o domingo e o 20 de xuño

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A federación vén de fixar o calendario dos cruces

23 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Federación Española de Fútbol fixou onte o calendario das fases de ascenso e de permanencia no Grupo 1 da Primeira División. Na primeira, co Viajes Interrías de Sanxenxo pelexando polo salto de categoría como campión do Subgrupo 1A co resto dos tres primeiros clasificados do 1A e do 1B coma rivais. Na segunda, co Umia C.F. e co Atlético Arousana metidos na lea por fuxir dos cinco descensos nun grupo de once equipos, cos seus catro rivais galegos da primeira fase e cos cinco que pecharon a táboa da conferencia asturiano-cántabra no treito da tempada que concluía a pasada fin de semana.

Umia e Atlético Arousana non xogarán xa contra a U.D. Mos, Sárdoma C.F., Victoria F.C., C.D. Valladares nin, claro está, entre si, co 0-1 do pasado sábado na Lomba como segundo e último derbi arousán da categoría de bronce do balompé feminino español esta tempada.

De onde deberán espremer os 30 puntos en xogo os dous equipos do Salnés é dos seus enfrontamentos co C.D. Monte, coa U.D. Llanera, co Sporting Gijón B, coa U.D. Oceja e co Castro F.C. Cinco rivais que, por vir dun subgrupo cun conxunto menos, disputarán dous encontros máis ca media ducia de galegos, aos que lles tocará descansar unha xornada en cada volta da Liga que, sen demora, arrincará esta fin de semana. O Umia C.F. recibindo o filial xixonés e o Atlético Arousana xogando na casa co Llanera. A competición iráse ata o 20 de xuño, nunha duodécima xornada co Umia recibindo a U.D. Oceja e o Arousana o Gijón B.

Procedendo de grupos cunha diferenza dun equipo, a Federación fixou unha clasificación que ten en conta os puntos da primeira fase, que se arrastran todos, pero tamén un coeficiente corrector que fai que, como o Arousana, o Umia inicie a fase en zona de descenso -ver táboa-.