Un positivo no Céltiga obriga ao aprazamento do derbi co Juventud Cambados

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O Vilalonga defende o liderado fronte ao Valladares no Novo San Pedro (16.30 horas)

07 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O partido que esta tarde tiñan previsto disputar o Juventud Cambados e o Céltiga en Burgáns a partir das catro e media presentábase coma un dos máis interesantes da sexta xornada do Subgrupo 2A da Preferente Galicia. A aparición dun positivo en covid-19 entre o cadro illense e o feito de que o infectado mantivera contacto estreito co resto dos integrantes do equipo levou onte ao presidente do Comité de Competición e Disciplina da categoría a aprazar o encontro ata cando sexa posible a súa disputa.

Polo demais, a xornada conta cun duelo nas alturas. O que disputan o Vilalonga e Valladares, primeiro e segundo clasificados, desde as 16.30 no Novo San Pedro. Ambos os dous, separados por 2 puntos. Na parte media da táboa, o Ribadumia, oitavo con 5 puntos, visita á mesma hora o Portonovo, sexto con 7. E na zona de perigo, o Umia C.F., décimo e antepenúltimo do subgrupo, recibe no Campo da Bouza de Barrantes o pechacancelas, C.D. Moaña, no encontro que abre, a partir das doce, a sexta xornada.