Recital mundial do Kenpo Vilagarcía

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Os dez deportistas do club na selección española sumaron 32 medallas en Portugal. Pedro Muñoz Fole foi elixido mellor competidor absoluto do Campionato do Mundo

02 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Botando un ollo á colleita acumulada polo Kenpo Vilagarcía desde a súa estrea no Campionato do Mundo, no ano 2017, semellaba difícil crer que os deportistas preparados por Mario Hermo puideran chegar inda máis aló. A semana pasada, na localidade portuguesa de Caldas da Rainha, demostraron que, co seu adestrador á fronte, non teñen límites. Os dez kenpocas arousáns con praza na selección española tras a superación do correspondente proceso interno volveron o domingo xunto co seu mestre, técnico das categorías absolutas e responsable do equipo de parakenpo, con 32 medallas mundiais, a metade en forma de títulos, algunhas compartidas formando parella ou equipo entre as variadas modalidades dos cadros de competición do kenpo. Con varios nomes propios. O primeiro, o de Pedro Muñoz Fole.

O único deportista do Kenpo Vilagarcía presente en cada edición desde a estrea do club no Mundial foi elixido mellor competidor absoluto na gran cita de Caldas da Rainha. Un premio extra no que se tivo en conta tanto a súa actuación no 19.º Campionato do Mundo como a súa traxectoria, rematando en cada un destes seis anos campión en a lo menos unha das modalidades individuais. Desta volta, na de semikenpo en -75 quilos, revalidando unha final convertida en clásico, fronte ao loitador profesional romanés Mirel Dragan. Pedro Muñoz impúxose no punto de ouro no combate máis longo do Mundial, de 6 minutos e 26 segundos. Fíxoo cun ombro lesionado desde o día anterior, cando se tivo que conformar co bronce en submissión ao terse que retirar polo problema físico na súa semifinal. Unha prata en kata sénior e en kobudo sénior e un bronce en kata por equipos sénior completan a folla de servizos de Fole.

Tamén con cinco medallas volveron de Portugal os seus compañeiros Ricardo Ramos Súarez (ouro en kobudo, en defensa persoal dúo masculino e en defensa persoal equipos mixto, prata en defensa persoal dúo mixto e bronce en kata por equipos sénior masculino) e Martín Pintos Gutiérrez (ouro en kata por equipos júnior e en defensa persoal cadete, prata en semikenpo júnior e en fullkenpo júnior -80 quilos e bronce en submission sub 21 en -75 quilos).

Estes foron os resultados do resto dos deportistas do K. Vilagarcía: Ricardo Lages Crespo, ouro en kata sénior e en defensa persoal equipos mixto e bronce en kata por equipos; Irene Castro Núñez, ouro en defensa persoal equipos mixto, prata en defensa persoal sénior mixta e bronce en semikenpo -65 quilos; Juan Rodríguez Alcalde, ouro en semikenpo júnior -90 quilos e en kata por equipos júnior e prata en defensa persoal júnior; Damián Murga Logroño, ouro en defensa persoal cadete e en kata por equipos júnior e bronce en semikenpo cadete en -60 quilos; Sócrates Agudo Torrado, ouro en fullkenpo sub 21 masculino e bronce en submission sénior en -90 quilos; Pablo Muñoz Fole, bronce en semikenpo sénior en -70 quilos; e como outro nome propio, o vilagarcián Pablo Muras Abad, coma Irene Castro, Pablo Muñoz, Martín Pintos e Damián Murga, novato nun Mundial, só que no seu caso na terceira edición do de Kenpo Adaptado/Parakenpo. Muras, primeiro deportista español cadete nesta cita, subliña Mario Hermo, colgouse o ouro en kata e o bronce en kobudo en 14-15 anos, dándolle ao seu mestre «la mayor alegría de este Mundial».