Unha viaxe cultural dende os defuntiños ata o truco ou trato

Serxio González Souto
SERXIO GONZÁLEZ VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

As rúas énchense de xentes disfrazadas nunha celebración de Samaín á que cómpre incorporar os rasgos da festa tradicional de Defuntos

31 oct 2023 . Actualizado a las 21:18 h.

Malia os seus detractores, vai ser complicado que o fenómeno bumerán do Halloween se deteña algunha vez nas nosas rúas. Ata hai ben poucos anos, máis aló do eido rural, a véspera de Todos os Santos non tiña moita máis pegada na Galicia urbanita que a ocasión de comer unhas castañas e uns chourizos, abrir un par de botellas de viño novo en boa compaña e agardar ao día seguinte para visitar o camposanto. Agora, a perspectiva da noite meiga anima os colexios, seduce aos pequenos e enche as prazas das vilas de xente disfrazada a pouco que a choiva dea unha tregua, que máis ou menos foi sendo este martes o caso.

A maquinaria cultural anglosaxona, ben engraxada polo cinema e as plataformas audiovisuais, pode con todo. Se acaso, por estes pagos, cómpre non tanto presentar unha resistencia inútil como abanear coma un xunco e tratar de incorporar o noso carácter a unha festa que tampouco nos é por completo allea. Lembrar coas avoas o tempo no que baleiraban calacús para lles colocar unha candea e deixalas nas encrucilladas para arrepío dos destemidos que se botaban aos camiños nunha noite coma esta. Ter conta de que, hai un par de séculos, os galegos celebraban os defuntos cun xantar no propio cemiterio, cando non no interior das capelas. Fenómenos funerarios coma o do abellón, rexistrado por vez primeira e única en Vilanova, que se saiba. Os defuntiños, que aínda levan os pequenos da Arousa a pedir unha doce esmola na maña do 2 de novembro. As ánimas da casa, que acoden a se quentar na lareira. Recoñecer que, en definitiva, xunta a parroquia dos vivos sempre habita unha parroquia dos mortos que non merece ser esquecida.