Do calmado do tráfico como arma contra a pobreza

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Martina Miser

As zonas desfavorecidas soportan a mayoría das mortes por tráfico

19 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ser pobre —carecer do necesario para vivir ou non ter máis que o estritamente necesario—non ten nada que ver con maldade ou bondade, nin con ningunha clase de calidade humana. Ser pobre é unha consecuencia da organización das sociedades e, polo tanto, de onde che tocou nacer. En realidade, a miseria resultará incurable sen unha acción política mundial. Por moitas excepcións que se nos poñan de exemplo, inflúe nesa imposibilidade de sanación a insolidariedade sociopolítica do ser humano porque unha distribución axeitada dos recursos, que hai de sobra,  bastaría para camiñar cara á igualdade. Matino que pedir igualdade nos recursos é unha utopía irrealizable, pero iso será cuestión de falar noutra ocasión, se é o caso. Sorprendentemente unha das armas poderosas para combater a pobreza son os concelleiros de tráfico. Explícome: hoxe a ONU celebra o Día Internacional en Lembranza das Vítimas do Tráfico: un millón trescentas mil persoas cada ano. A pesar de que os países con rendas medias e baixas só teñen, máis ou menos, a metade de vehículos, neles morren o 90 % das vítimas. Os pobres son os que máis morren. Ademais, a metade dos falecidos son peóns, ciclistas e motociclistas, en algures os máis necesitados entre os necesitados. Europa ten a porcentaxe de mortalidade máis baixa, con Noruega, Dinamarca e Reino Unido como países coa mellor seguridade, cunha taxa inferior aos tres mortos —que en África sobe ata os vinte e sete— por cen mil habitantes.

Ademais nos Estados máis débiles o impacto económico dos accidentes —con vehículos comprados ás economías fortes— supera o importe que reciben para o seu desenvolvemento. Que morren máis os pobres que os ricos en accidentes de tráfico non só é unha verdade universal senón local, incluso en territorios opulentos. Neste mesmo ano fíxose un estudo en  Londres —debe haber poucas capitais máis poderosas— que confirmou que os accidentes de tráfico dependen do lugar onde se viva: nos barrios desfavorecidos hai o dobre de vítimas provocadas polo tránsito de automóbiles que nas zonas ricas. Tamén se extrapola deste informe, igual que ocorre en todo o orbe, que varóns e nenos  afrontan un risco maior de morte e lesións graves que mulleres e nenas. E no caso dos homes que residen nos barrios menos favorecidos, padecen tres veces máis probabilidades de quedar gravemente feridos ou morrer que as mulleres. O goberno municipal londiniense co plan denominado Mission Vission Zero impuxo medidas sinxelas relativas, por exemplo, á redución de ángulos mortos nos camións, á extensión do límite de velocidade a 20 millas por hora, ou a cambios nos cruces. O concelleiro de tráfico de Londres remarcou: «Unha soa morte nas nosas estradas causada por unha colisión é demasiado. E o feito de que estas colisións afecten de xeito desproporcionado aos cidadáns de zonas desfavorecidas é inxusto». O maior índice de mortalidade dos pobres, repítese noutras causas de morte de persoas entre cinco e vinte e nove anos. En accidentes de tráfico prodúcese un de cada tres falecementos; por suicidios, un de cada seis; por homicidios, un de cada nove; en guerras e outros conflitos son un de cada sesenta e un. A desigualdade é o factor que máis mata. E o perfil máis vulnerable é ser mozo, home e de baixo nivel socioeconómico. Por iso Tedros Adhanon, Director Xeral da Organización Mundial da Saúde afirma que «as persoas que viven na pobreza teñen significativamente máis probabilidades de sufrir accidentes que os ricos». Por exemplo, en España, establecer o límite de velocidade por defecto para as cidades en 30 quilómetros por hora fainos avanzar en seguridade vial. E as zonas peonís, os lombos, as melloras nas estradas, a educación vial, o transporte público, sobre todo nas zonas depauperadas, son ferramentas favorecedoras da igualdade. Así que unha conclusión, sorprendente, pero avalada: tamén se combate a pobreza con normas estritas de tráfico e melloras nas vías de circulación e no transporte. E os concelleiros de tráfico, se son valentes, teñen moito que dicir na loita contra a miseria e pola igualdade.