Infinitas posibilidades

Xoanqui Ameixeiras XENTIÑA DA BOA

AROUSA

MONICA IRAGO

05 dic 2023 . Actualizado a las 12:42 h.

Son moitas as propostas culinarias para celebrar as festas do Nadal, e se as gozamos en Galicia, aínda máis. Dende a simple cocción dunha nécora, centola, cigala ou camarón, preparación suficiente para gozar da marabilla de produto que temos nas nosas rías, ata os puntos perfectos que nos pode ofrecer unha cociña o baleiro e a baixa temperatura dun rodaballo ou un solombo, por exemplo. Sistema de cociña cada vez máis estendido polos seus gratificantes resultados. O abanico de posibilidades é infinito.

As miñas propostas quedan na metade. A cociña e o forno de calquera casa xunto con ingredientes naturais e próximos e suficiente para que as xuntanzas alcancen niveis épicos. Cremas e sopas de peixes e mariscos, asados, estufados, enfornados. Bo produto máis a elegancia na preparación e presentación son os ingredientes principais nestas datas, tan diferenciadas, gastronomicamente falando, do resto das festas do ano.

Peixes e mariscos

Se buscades ideas con peixes e mariscos? Velaí unhas propostas:

Vieiras con touciño entrefebrado, pastel de volandeiras con salsa verde, cocote de peixe o forno, mexillóns en salsa de curri con leite de coco, caldeirada de tres peixes, arroz de centola, cocochas de peixe sapo, espaguetes negros con ameixas e algas, navallas e verduras en tempura, boi de mar o forno ou lumbrigante o forno con mollo de limón, por exemplo.

Na miña casa que non falte o bacallu:

Lombo de bacallau con torrado de verduriñas, linguas de bacallau con pipirrana e maionesa de ribeiro, crema de allo porro e lombo de bacallau ou repolo o forno con alas de bacallau.

E de carnes tamén temos moito que dicir:

Cordeiro e verduras en escabeche, solombo de porco con tinto galego, rabo de tenreira estufado, osobuco asado con castañas, coxas de polo asado con pesto de pistacho ou costeleiro de cordeiro napado

Todas estas receitas están no meu libro, Receitas par encher o peito, xunto con moitas máis e todas cunha estrutura doada de comprender.