Revenidas 2024 xa ten datas de celebración en Vilaxoán: do 12 ao 15 de setembro

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O festival poñerá á venda en breve os primeiros abonos e confirmará un avance do seu cartel

15 dic 2023 . Actualizado a las 13:07 h.

Logo dunha edición brutal, na que o festival bateu todos os seus récords, Revenidas comeza a perfilar xa a edición do 2024. O gran encontro musical e cultural de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, terá lugar entre os días 12 e 15 de setembro, de xoves a domingo, como vén sendo habitual nos últimos tempos. O que tampouco muda é o seu emprazamento: a explanada do porto vilaxoanés, co anexo do parque de Dona Concha incorporado ao recinto.

A organización anuncia que Revenidas está a piques de sacar á venda os seus primeiros abonos, ocasión que servirá, tamén, para falar dos primeiros artistas chamados a protagonizar o seu cartel.

Polo que á escolla de bandas, músicos e artistas se refire, o festival aposta por manter a súa filosofía de incluír «figuras sobranceiras da escena musical galega, estatal e internacional, tendo moi en conta cuestións como a paridade de xénero e a presenza de linguas minorizadas». Do mesmo xeito, Revenidas renova o seu compromiso co amplo programa de actividades paralelas que forman parte indisoluble da súa historia. Velaí a gala de circo solidario, os concertos a bordo do Chasula ou o roteiro polas rúas e lugares de Vilaxoán que guía Xurxo Souto. Pero, sobre todo, a sardiñada popular que brindou o seu nacemento e o parque acolle na súa última xornada, xa coas portas abertas e actuacións de balde.