O Asmubal xoga en Valladolid tras darlle a baixa a Martins na procura de dous reforzos foráneos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O Asmubal busca recambio a Sofía Arangio (número 6)
O Asmubal busca recambio a Sofía Arangio (número 6) MONICA IRAGO

O conxunto meañés mídese en plena crise ao quinto clasificado

27 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Inelsa Solar Asmubal Meaño desprázase hoxe a terras castelás. Concretamente, ata o Polideportivo Rondilla, onde, desde as 18.30 horas, se mide ao Grupo CHR Hand Vall Valladolid.

O que hai tres meses aparecía coma un rival a man, como demostrou o contundente triunfo local no parqué de Coirón, 39-30, vese hoxe nas filas meañesas coma un durísimo atranco nun camiño espiñado. O que trazou a sucesión de lesións de gravidade no cadro de xogadoras que dirixe Juan Manuel Costas. A perda da central Eli Méndez para o resto do curso nada máis comezado este deixou tocado o cadro do Salnés, pero a baixa para o mesmo tempo da lateral Sofía Arangio, chamada a ocupar o papel de brúxula do equipo, derivou na entrada en barrena do Asmubal, con media ducia de derrotas consecutivas que o sitúan noveno na clasificación con 11 puntos, tan só 3 de colchón sobre o descenso. O Hand Vall Valladolid case o dobra xa, con 21 puntos.

Así as cousas, tras caer co pechacancelas, Siero, en cancha galega sete días atrás, corpo técnico e directiva do Asmubal entenderon inaplazable a necesidade dun xiro. Dito cambio pasa pola incorporación de dous reforzos. O dunha primeira liña polivalente, que chegue co rol de central e tamén de puntal para o centro da defensa, alternándose con Cárol Ferreira e con Sabela Miniño. A fichaxe ocuparía a praza de comunitaria de Sofía Arangio, que vén de ser operada da súa grave lesión articular.

Ademais, o club fichará unha lateral destra zurda estranxeira. De feito, atópase moi preto de pechar unha xogadora arxentina. A operación obrigou previamente a liberar unha das tres fichas foráneas do vestiario meañés, cun acordo coa brasileira Kathiely Martins para a súa saída do equipo, ao que chegara o pasado verán desde o Alcobendas da Primeira Madrileña.