O Cortegada dá un paso firme cara a fase en Mataró (53-62)

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

As de Fernández non deixaron poñerse nunca por diante ó rival

25 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Partidos como os de onte son os que demostran de que madeira está feito un equipo. Con tan só seis horas de recuperación tras voar a primeira hora da mañá desde Vigo a Barcelona, o Mariscos Antón Cortegada impúxose 53-62 na cancha do Homs U.E. Mataró. Nun terreo hostil, fronte a un rival que sabía que podía estar ante a súa derradeira oportunidade de engancharse á pelexa polo cuarto e último pasaporte para a vindeira fase de ascenso á Liga Challenge, as de Álvaro Fernández dominaron o marcador de comezo a fin, superando os varios momentos delicados nos que o seu anfitrión catalán as meteu.

A primeira clave do partido foi a saída en tromba do Cortegada. Cun parcial de 1-13 na primeira metade do cuarto inicial, comandado por Stojanovska con 7 puntos, aos que sumou outros 2 desde a liña de tiros libres antes do remate do primeiro parcial.

No segundo, o Mataró fixo o seu primeiro amago de remontada, 14-17, pero entón emerxeu a figura de Diaw Absatou, que con 10 puntos liderou o Cortegada a un plácido 26-37 ao descanso e á máxima vantaxe do partido nada máis volver do mesmo, 26-39. A partir de aí, tocou facer a goma e superar o momento crítico, cando Tutusaus recortaba a 50-52 faltando cinco minutos para o final. Dous tiros libres de Loven a 47 segundos pecharon o 53-62.

FICHA DO PARTIDO:

HOMS U.E. MATARÓ (53): Farre (8), Serrano, Oliver (10), Arbizu (7) e Talaverón (1) —quinteto titular—; Nogués (9), Arias (5), Poyato (4) e Tutusaus (9).

MARISCOS ANTÓN CORTEGADA (62): Blanca Manivesa (6), Lauren Loven (14), Stojanovska (13), Ángela Coello (4) e Iria Losada —quinteto titular—; Benítez, Lorena Castro, Sanmartín (4), Ángela González e Diaw Absatou (21). 

PARCIAIS (E MARCADOR) CADA CUARTO: 10-17, 16-20 (26-37ao descanso); 17-14 (43-51) e 10-11 (53-62).

ÁRBITROS E PERSOAIS: Marc García e Bernat Verdejo. Sinaláronlles 20 faltas ao Homs U.E. Mataró e 23 ao Mariscos Antón Cortegada. Eliminaron por cinco persoais a xogadora local Oliver e a visitante Blanca Manivesa.