O pavillón da rúa Castelao levará o nome de Helena Mariño desde o mércores

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O alcalde de Vilagarcía salientou que se trata dunha medida de xustiza

25 mar 2024 . Actualizado a las 17:59 h.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, abriu este luns a presentación da Vilagarcía Basket Cup Helena Mariño dándolles as grazas ao club organizador e a todas as Administracións públicas e patrocinadores que o fan posible. Acto seguido, desvelou que, «aproveitando que a VBCup vai ser o epicentro do baloncesto de España esta semana, imos poder saldar unha débeda co Club Baloncesto Vilagarcía: o mércores imos nomear o pavillón da rúa Castelao como Pavillón Castelao-Helena Mariño».

Deste xeito, o goberno local resposta, lembrou Varela, a unha petición que lle fixo o club hai dous anos e que foi aprobada xa polo pleno da corporación municipal. «O nome de Helena Mariño vai quedar ligado para a posteridade ao baloncesto de Vilagarcía, polo que supuxo para esta cidade; é unha persoa que o merecía», concluíu o rexedor.

O presidente do C.B. Vilagarcía e grande amigo de Mariño, Alberto Blanco, agradeceu o cambio de nome do pavillón recoñecendo así a figura, salientou, dunha «muller implicada, loitadora e deportista de 10». Xa no torneo, o Cebé homenaxeará a unha segunda figura feminina, Pili Blanco, dándolle o seu nome a unha das pistas da VBCup.