O BNG compromete unha ofensiva no Parlamento galego en defensa do Salnés

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Serxio González

A saúde da ría, a sanidade e o asilo de Cambados, entre as súas prioridades

23 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Una semana despois do inicio da duodécima lexislatura autonómica, o BNG presentou onte dende Carril a que será a súa folla de acción no Parlamento de Galicia para os vindeiros catro anos. Acompañada por voceiros da formación nacionalista en diferentes prazas da comarca, co alcalde de Catoira, Xan Castaño, en primeiro lugar, a deputada Montserrat Prado debullou o que o Bloque presenta coma unha ofensiva en defensa do Salnés, dende os eidos social, sanitario, medioambiental, económico e produtivo.

«Non imos defraudar aos 20.153 veciños desta comarca que votaron ao BNG o 18F e contribuíron a converternos na alternativa ao Partido Popular», afirmou Prado, quen prometeu un labor exhaustivo de control do goberno, «sempre unha alternativa, diálogo permanente e confronto de ideas». Hai problemas xerais que atinxen ao conxunto de Galicia nos que os nacionalistas incidirán. Velaí o reforzo dos servizos públicos. «O feito de ficar baleiras 63 prazas de medicina de familia na última convocatoria do MIR demostra que o problema non é a convocatoria de prazas de formación, senón as condicións de precariedade na que o Sergas mantén os seus profesionais», subliñou a deputada. O acceso a vivenda, da mocidade, pero non só, forma parte desa mesma escolma de asuntos. Pero hai tamén cuestións concretas que apuntan directamente ao Salnés e ao mar de Arousa.

Así, a reindustrialización da bisbarra constitúe para o BNG unha prioridade: «Non se pode asentar un modelo económico baseado exclusivamente nos servizos se queremos emprego de calidade». E, sobre todo, a rexeneración e o coidado da ría, que Prado considera baixo un «abandono absoluto por parte do PP». A diagnose da caída radical da produtividade é, no seu esquema, fundamental, xunto á desactivación do que a parlamentaria nacionalista definiu en termos de «dúas bombas de reloxería», en referencia aos proxectos da mina de cobre en Touro e da planta de Altri en Palas de Rei. «Xa están en risco as 2.329 bateas e os 1.540 postos de traballo directos que fornece o marisqueo, e aínda o van estar máis», lamentou a representante do Bloque, quen acusou directamente á Xunta de querer facer pasar por sostible «o que é unha macrocelulosa».

Ás portas do verán, o BNG teme que o Servizo Galego de Saúde volva trasladar a ambulancia medicalizada do Hospital do Salnés a Sanxenxo. E anuncia que esixirán a Alfonso Rueda o cumprimento das súas promesas con respecto á atención aos maiores, a creación de centros de día e que lidere a compra do asilo de Cambados para a creación da primeira residencia pública do Salnés. Ao igual que unha solución para a deficiente mobilidade e para o precario abastecemento de auga do Grove, pendente dunha condución en constante avaría.