O Arousa dálle a baixa a Cubas, o Vilalonga ficha a Porta, e o Céltiga abre o seu plantel

vilagarcía / la voz

A ILLA DE AROUSA

02 jul 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

Os equipos de fútbol da bisbarra aplícanse en tentar pechar xa canto antes os seus respectivos planteis ante a inminencia do reinicio da súa actividade co arrinque da pretempada á volta da esquina.

O Arousa comunicoulle onte a Quique Cubas que non seguirá no conxunto arlequinado, no que militou as dúas últimas campañas, tras o regreso do club vilagarcián á Terceira. Incorporado coa etiqueta de home gol, Cubas non foi quen de sobresaír na faceta anotadora, na primeira tempada marcado por unha grave lesión ósea. Iso si, regaloulle ao club un gol ao Maradona que deu a volta ao mundo, e con el, a imaxe do Arousa.

No mercado da Preferente Sur, o Vilalonga informa da fichaxe de Pablo Porta, o interior que a pasada campaña defendeu a camisola do Céltiga.

Polo que respecta ao club illense, a súa directiva prentede pechar nunha semana o seu plantel. Para comezar, onte adiantou as renovacións dos illenses Carlos, Javi e Rubén, a do vilanovés Yago Nogueira, e a do meta Marcos Bermúdez.

Ademais, o Céltiga abríu o capítulo de fichaxes. E os primeiros nomes desvelados invitan a un proxecto con marchamo de candidatura ao ascenso. O dianteiro cambadés Machu volta á A Illa da man do seu amigo Edu Charlín, novo técnico do equipo, tras unha década no Vilalonga. Con el, Álex Cubas, o interior dereito titular do Portonovo 2014/15, e Diego Silva, o lateral esquerdo titular do último Estradense.