A utilidade dos faros

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

A ILLA DE AROUSA

24 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Temos abundancia de faros na nosa ribeira, pero escaseza de iniciativas. Coa automatización dos sistemas de seguridade marítima xa non son precisos fareiros e as súas familias, pero os inmobles, en indubidable marco paisaxístico, parecen unha proposta golosa para servizos de restauración e hostelería.

Sen embargo, a cousa non é tan doada nin ten tan bos resultados como parece. En primeiro lugar, porque estamos falando de estruturas decimonónicas en moitos casos nos que a reforma, sen alterar os servizos do faro, son cousa seria. Neste sentido, aos faros pásalles o mesmo que ás reitoriais. É certo que a Igrexa alúgaas por catro pesos, pero non as vende. Quen se atreve a investir un monte de cartos en algo do que despois nin sequera vas ser propietario?

Lembro a un coñecido que me contou unha das noites máis incribles da súa vida, nun dos faros -se cadra o único- de Galicia habilitado como hotel. Como as paredes eran de papel de fumar, o entusiasmo amoroso da parella hospedada na habitación do lado transmitíase á miña parella de amigos en dolby surround.

A reforma tivera que ser feita con materiais lixeiros e reversibles e tiña inconvintes como escoitar os sons amorosos ou, a noite seguinte, os entusiasmos roncadoiros doutro hóspede.

Teño a sensación de que o futuro dos faros deberá afrontarse cunha hostelería distinta, moi vinculada a cada lugar. Preto temos un exemplo exitoso: Punta Cabalo, na Illa de Arousa. O mellor lugar do mundo para tomar un gintonic co solpor. E téñovos tomado moitos.