O Céltiga apela ao seu momento para sorprender o Cerceda

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

Sen Chiqui, Jónathan nin Ramón, Charlín recibe a un dos grandes da Liga, que busca o seu primeiro triunfo fóra desde a volta de Lemos

25 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A bo seguro que serán moitas as caras coñecidas do balompé do Salnés, en particular, e da Terceira División, en xeral, as que se poidan ver esta tarde nas bancadas do Salvador Otero da Illa de Arousa (17.30 horas). Cun Céltiga-Cerceda como único partido adiantado da xornada 31 da Liga, por esixencias televisivas, que máis aló do interese lúdico ou deportivo atrae os ollos da inmensa maioría dos equipos do grupo galego da Terceira División. De todos quizais agás os dos desafiuzados Ordes, Dubra e As Pontes. Cos conxuntos da zona baixa e media do campionato ben atentos a un posible pinchazo do Céltiga, e os da parte media-alta e nobre confiando en que os pupilos de Edu Charlín sexan quen de dar a gran sorpresa.

Dezaseis puntos separan o cadro illense, decimoterceiro na táboa, do terceiro clasificado, que con 56 puntos precisa do triunfo para tentar seguir soñando co liderado hoxe en mans do Deportivo B con 63 puntos, co Rápido de Bouzas segundo con 58 e co Arousa á espreita con 55. O Céltiga, pola súa banda, dispón de 7 puntos de colchón sobre a zona de descenso directo, pero tan só de 3 co quinto clasificado polo fondo, o Choco, que hoxe descendería de rematar a Liga polo arrastre do Somozas.

Cun plantel de luxo, que o obxectivo do Cerceda é pelexar polo ascenso quedou claro cando hai mes e medio despedía a Ángel Cuéllar co equipo cuarto. A repesca de Lemos traducíuse nas cinco últimas xornadas en tres triunfos na casa, e un empate e unha derrota coma visitante do equipo coruñés. Cun 1-1 no campo dun Negreira que se está a xogar a continuidade na categoría, e perdendo, 2-0, no feudo dun aparentemente hoxe imparable Deportivo B.

O Céltiga tentará prolongar o seu estado de graza, e encadear a que sería a súa quinta xornada consecutiva en positivo tras tres triunfos e un empate. Este último, precisamente ante o segundo clasificado, o Rápido de Bouzas, hai 15 días no Salvador Otero.

Para sumar hoxe Edu Charlín salientaba onte que «temos que facer un partido incómodo para o Cerceda, un rival con tantas variantes ofensivas. Non podemos cometer erros, nin darlles facilidades, porque as explotan».

O técnico arousán perde a Jónathan e a Ramón, en Ávila nas oposicións a Policía Nacional, e o segundo porteiro, Sergio, con permiso do club por asuntos persoais. Ademais Luis Alberto non está recuperado dos seus problemas de pube. As boas novas, a volta de Javi e de David Castro, baixas a semana anterior por sanción, e de Diego, o pichichi do Céltiga, este último logo duns dous meses lesionado.