Martín Códax e Condes de Albarei estarán na feira Vinitaly 

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

Cambados acude á feira vitivinícola que terá lugar en Verona do 20 ao 23 de marzo 

03 mar 2015 . Actualizado a las 17:16 h.

A oferta enoturística cambadesa, co museo do Viño e coa Ruta Rías Baixas, xunto coas principais cooperativas vitivinícolas do municipio van estar presentes este ano na feira Vinitaly, unha das más importantes do mundo neste sector, que se celebra do 20 ao 23 de marzo na cidade de Verona. O Concello de Cambados estará presente por invitación expresa de Turespaña, organismo que participou en xullo pasado no curso de verán da UNED «Enoturismo, una realidad en auge». «Por entonces directora de márketing de Turespaña, Maite de la Torre, quedou impresionada polo potencial de Cambados nesta materia, que logo se incrementaría coa creación de Aenotur, e isto derivou nunha invitación ó Concello para asistir á feira italiana baixo o amparo da entidade Turespaña», segundo explican desde o Concello.

Durante as datas desta feira da rexión do Véneto celebraranse catas profesionais nas que o sector vitivinícola estará representado polas dúas principais cooperativas cambadesas, Condes de Albarei e Martín Códax, que promocionarán os seus caldos neste evento. A cata presentación dos viños da denominación Rías Baixas vaise desenvolver o venres día 20, de 18 a 23.30 horas, en presenza de autoridades españolas e foráneas, dirixidas a prensa especializada e profesionais do sector que avalían algúns dos mellores viños do mundo.

Esta feira do viño e as bebidas espirituosas xuntou en edicións precedentes a máis de 4.000 expositores e ata case 150.000 visitantes de máis de 100 países. Hai talleres, catas e exposicións paralelas nos máis de 10.000 metros cadrados que dan cabida ó evento vitivinícola.